O conselleiro de Sanidade interveu no acto inaugural do LIII Congreso Anual da Sociedade Galega de Reumatoloxía, SOGARE

Gómez Caamaño salienta que a Xunta destina cada ano 30 M€ ao tratamento de enfermidades inflamatorias autoinmunes como a artrite reumatoide

Segundo os últimos datos, en España padecen artrite reumatoide un total 420.000 persoas, 27.000 na comunidade galega

No que vai de ano, os usuarios da sanidade pública galega precisaron máis 300.000 consultas médicas de carácter reumatolóxico

Ourense, 23 de novembro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta mañá en Ourense o LIII Congreso Anual da Sociedade Galega de Reumatoloxía, SOGARE, un encontro no que reumatólogos chegados do conxunto de centros hospitalarios galegos analizarán os últimos avances producidos no diagnóstico e no tratamento das enfermidades reumatolóxicas.

Durante o acto, no que tamén participou o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, o titular da carteira sanitaria da Xunta referiuse aos 30 millóns de euros que o Executivo autonómico inviste cada ano no tratamento de enfermidades inflamatorias autoinmunes.

Apuntou o compromiso do Executivo galego cos pacientes que sofren algunha destas enfermidades e avogou por seguir a traballar na procura de acadar a excelencia asistencial dentro do ámbito da reumatoloxía.

Nesta liña, lembrou que é preciso avanzar no deseño de novas estratexias co obxectivo de acadar unha diagnose máis precoz, a protocolarización dos tratamentos e o impulso de novas terapias. E puxo en valor o traballo que desenvolven as asociacións de pacientes no fomento da educación sanitaria entre a cidadanía.

Durante a xornada de hoxe, o paraninfo do IES Ramón Otero Pedrayo acolle aos principais especialistas da sanidade pública galega para compartir coñecementos e experiencias na práctica clínica nesta especialidade.

O programa do LIII Congreso de SOGARE recolle diferentes mesas redondas e conferencias nas que se abordarán, entre outros temas, as novidades vinculadas á patoloxía inflamatoria crónica, os avances referidos a artrite reumatoide, o manexo dos pacientes con enfermidade psoriásica; a espondiloartrite, ou as novas opcións terapéuticas vencelladas á enfermidade da gota.

A artrite reumatoide en Galicia

A Xunta aposta pola innovación para seguir mellorando a calidade de vida dos pacientes con artrite, realizando un investimento anual de 30 millóns de euros para tratar aos pacientes con enfermidades inflamatorias inmunomediadas máis prevalecentes, como é o caso da artrite reumatoide.

No que vai de ano, os usuarios da sanidade pública galega precisaron máis 300.000 consultas médicas vencelladas a esta especialidade.

A artrite reumatoide é unha enfermidade inflamatoria crónica que precisa dun maior coñecemento, dunha abordaxe multidisciplinar e dunha garantía de acceso a todas as terapias innovadoras para que as persoas a padecen poidan dispoñer dunha mellor calidade de vida.

Segundo os últimos datos, a artrite reumatoide afecta en España a un total 420.000 persoas, das que 27.000 se atopan en Galicia. Deles, máis do 42% dos pacientes que residen na comunidade necesitan da axuda doutra persoa para realizar as actividades do día a día.

Actualmente, só o 30% das persoas que conviven con artrite reumatoide acadan a súa remisión, é dicir, consegue controlar os síntomas propios da patoloxía como a dor, a inflamación ou a fatiga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2024