O delegado territorial anuncia que a Xunta destinará máis de 700.000 euros ao concello de Verín para a construción dunha escola infantil
Manuel Pardo explicou que a Escola Infantil albergará unha matrícula máxima de 82 nenos e nenas e as prazas teñen que estar listas a final do ano 2025
O delegado territorial salientou que a Consellería de Política Social e Igualdade puxo a disposición dos concellos máis de 34 millóns de euros de fondos MRR (Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia) para a creación de novas prazas 0-3
Ourense, 25 de novembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse na mañá de hoxe á comarca de Monterrei para anunciar que a Xunta ven de aceptar a solicitude do concello de Verín para a posta en marcha dunha Escola Infantil, á que a Consellería de Política Social e Igualdade ten previsto destinar máis de 700.000 euros.
O delegado territorial explicou que a Escola Infantil albergará unha matrícula máxima de 82 nenos e nenas e as prazas teñen que estar ofertadas a final do ano 2025.
Salientou Manuel Pardo que a Consellería de Política Social e Igualdade puxo a disposición dos concellos 34 millóns de euros de fondos MRR (Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia) para a creación de novas prazas 0-3.
E subliñou que desde un primeiro momento, a Xunta dixo que todos os concellos que presentasen solicitude e cumpriran os requisitos recibirían a subvención, dado que había fondos suficientes para atender todas as solicitudes.
O delegado territorial aproveitou para lembrar que este curso que acaba de comezar é o terceiro no que a Xunta ofrece a atención entre os 0 e os 3 anos completamente de balde no 100% das escolas infantís de Galicia, independentemente da súa titularidade: pública —municipal ou autonómica—, privada ou de entidades sociais. O Goberno galego destina 60 millóns de euros a esta medida que ofrece conciliación gratuíta a máis de 32.000 familias, que lles supón un aforro anual medio de máis de 3.000€; e resaltou que Galicia foi a primeira Comunidade Autónoma en aplicar esta medida.
Grazas a este programa de gratuidade, Galicia é líder en taxa neta de escolarización 0-3 en España, o que demostra o éxito desta medida, que se une a outros programas como o de casas niño, no que a provincia de Ourense é a máis beneficiada ao dispoñer da metade dos recursos implantados en toda Galicia.