A Xunta e o concello de Riós avalían vías de colaboración en materia de abastecemento de auga
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Riós, Eva María Barrio, mantiveron hoxe unha reunión na que avaliaron vías de colaboración para mellorar o servizo de abastecemento na localidade.
Neste sentido, analizaron o proxecto municipal para realizar unha captación de auga para a aldea da Veiga do Seixo co obxectivo de dar un mellor servizo á trintena de veciños que residen neste núcleo de poboación. O obxectivo é poñer fin aos problemas rexistrados especialmente durante o verán.
A responsable autonómica trasladoulle á rexedora que Augas de Galicia supervisará o proxecto e colaborará na medida do posible para a súa execución co fin de aportar unha solución á veciñanza da Vega do Seixo.
Ángeles Vázquez explicou que este asesoramento se enmarca no apoio técnico e económico que a Xunta presta aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa poboación.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia en 2025 sobe preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, co obxectivo de seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
O fin principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.