A Xunta habilita a partir de mañá 2,5 M€ en axudas para promover a protección ambiental e a seguridade na actividade mineira en Galicia

As axudas oscilan entre os 150.000 e os 3.000 euros e xa se poden solicitar a partir de mañá

Cobren investimentos en zonas afectadas pola actividade mineira; para mellorar as condicións laborais e reducir a exposición ao po ou para a adquisición de equipamentos eficientes, especialmente, por parte de empresas de envasado de augas minerais

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas da Xunta para promover a protección ambiental e a seguridade laboral entre as empresas do sector mineiro en Galicia e, tamén, no subsector das augas minerais, termais e de manancial e as actividades de rocha ornamental, cun orzamento de 2,5 millóns de euros de fondos propios.

O programa consta de cinco liñas de axudas: para investimentos destinados a incrementar a protección do ambiente da zona afectada pola actividade mineira; para mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde; para a redución da exposición ao po no sector da rocha ornamental; para a adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética, especialmente, por parte de empresas de envasado de augas minerais e de explotación de balnearios; e para procesos de certificación.

Do crédito total consignado para estas subvencións, destinaranse 650.000 euros para as axudas da liña 1;  900.000 euros para a liña 2; 650.000 euros para a liña 3; 292.869 euros para as axudas da liña 4 e 15.000 euros para as axudas da liña 5.

As axudas oscilan entre os 150.000 e os 3.000 euros. Na maior parte das liñas, a intensidade máxima cobre ata 65 por cento do investimento total subvencionable no caso de pequenas empresas; o 55 por cento, para medianas empresas e o 45 por cento se se trata de grandes empresas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, polo que xa se poden pedir desde mañá.

Data de actualización: 24/07/2026