O presidente da Xunta participou na entrega do galardón empresarial da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER) a Megasa
Rueda aposta por traballar da man do tecido produtivo para consolidar a Galicia como un polo de atracción industrial
Pide ao Goberno central unha maior implicación cunha xestión máis áxil dos fondos europeos ou con infraestruturas competitivas, como a alta velocidade en Ferrol
Ferrol, 25 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convidou hoxe ao empresariado e ao conxunto do tecido produtivo a traballar da man para consolidar a Galicia como un polo de atracción industrial para acadar unha economía máis competitiva.
Así o sinalou hoxe xunto coa conselleira e Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, durante a entrega do galardón empresarial da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER) á empresa Megasa, de quen eloxiou a súa traxectoria e capacidade de ser líderes desde Galicia.
Na súa intervención, o presidente da Xunta puxo en valor o nivel de proxectos industriais que van instalarse en Ferrol e na súa área -como as plantas de hidróxeno renovable e fibra nas Pontes ou de Metanol en Mugardos- e reivindicou o potencial desta zona e de Galicia no seu conxunto en enerxías renovables, tanto a nivel de produción de compoñentes como de recursos naturais dispoñibles.
Por último, reclamou unha maior implicación do Goberno central a través dunha xestión máis rigorosa e áxil dos fondos europeos; dunha aposta decidida por unhas infraestruturas competitivas para Galicia, comezando pola alta velocidade para Ferrol; e dun trato xusto para as empresas electrointensivas como Megasa, proporcionando, entre outras medidas, un marco de subministración eléctrico estable, e modificando o Estatuto de Consumidores Electrointensivos.