A conselleira de Política Social e Igualdade participou esta mañá no reparto informativo no Campus Sur de Santiago

A Xunta leva a súa campaña do 25N aos campus galegos para sensibilizar á comunidade universitaria en torno ao machismo e a loita contra a violencia de xénero

Fabiola García destaca que o obxectivo é achegar á mocidade galega todas as ferramentas necesarias e que poidan coñecer todos os recursos que a Xunta pon a disposición das vítimas

Os dinamizadores xuvenís percorrerán estes días os sete campus galegos ofrecendo información da campaña ‘O machismo é violencia, con todas as letras’

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024

A Xunta continúa coa súa campaña de sensibilización e información a pé de rúa sobre a violencia de xénero. Nestes días, e para chegar á comunidade universitaria, ás accións informativas estanse levando a cabo nos diferentes campus galegos. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá no reparto que tivo lugar no Campus Sur de Santiago.

A conselleira lembrou que un dos principais eixos nos que traballa a Xunta é a sensibilización a pé de rúa, tentando chegar especialmente á mocidade galega. Por iso, durante esta semana varios dinamizadores xuvenís, da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, levarán polos campus galegos a campaña O machismo é violencia, con todas as letras. E farano non só polas principais facultades, senón tamén nas bibliotecas ou no exterior das cafeterías máis concorridas. O obxectivo é acadar o maior impacto posible entre a comunidade universitaria.

Fabiola García, que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quitiana, destacou que o obxectivo desta iniciativa é achegarse ás alumnas e alumnos para que conten con todos os coñecementos e ferramentas necesarias en materia de violencia de xénero, para que poidan coñecer de primeira man todos os recursos que  Xunta pon á súa disposición e para que saiban identificar as diferentes formas nas que se pode presentar a violencia.

A conselleira fixo fincapé en que esta iniciativa, enmarcada na conmemoración do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, reforza a colaboración que a Xunta mantén coas universidades desde hai anos nesta materia. Unha cooperación que se traduce en campañas de sensibilización, de fomento da corresponsabilidade, celebración de cursos e xornadas, así como a realización de proxectos de investigación.

Campaña nos campus galegos

Durante estes días, varios dinamizadores xuvenís, da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, percorrerán os campus universitarios galegos para informar á mocidade sobre as violencias machistas e as súas manifestacións.

As persoas dinamizadoras trasladarán a actividade dos stands informativos situados durante os dous últimos fins de semana nas capitais das catro provincias. O obxectivo é ofrecer os coñecementos e ferramentas necesarias para facer fronte ao machismo e loitar contra a violencia de xénero.

En Santiago de Compostela estiveron no Campus Sur, no Campus Norte e o mércores estarán no Campus Vida. Ademais, durante a xornada do 25N tamén realizaron actividades no Campus Terra en Lugo.

No caso da Universidade de Vigo, o luns estiveron na Xunqueira en Pontevedra e nas Lagoas en Ourense; mentres que hoxe estarán no Cuvi, en Vigo. No caso do mércores, localizaranse nas facultades do centro da Cidade Olívica, Pontevedra e Ourense. Na Coruña percorrerán o Campus da Zapateira durante este martes e estarán tamén no Campus de Ferrol. Durante o mércores localizáranse na zona do Campus de Elviña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2024