O titular de Sanidade participou esta mañá na xornada Futuro en cambio: Innovación, persoas, futuro
Gómez Caamaño destaca o papel da intelixencia artificial e das novas tecnoloxías para afrontar os retos sanitarios asociados ao envellecemento, a cronicidade e unha maior esperanza de vida
O Servizo Galego de Saúde emprega xa a intelixencia artificial para apoiar a lectura de certas probas radiolóxicas e proba o seu uso para mellorar a capacidade de diagnóstico do cribado de cancro de mama
En 2025 tamén se apoiará nesta tecnoloxía para optimizar a análise de imaxes vinculadas á Anatomía patolóxica
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na xornada Futuro en cambio: Innovación, persoas, futuro, un encontro no que puxo en valor o papel das novas tecnoloxías e da intelixencia artificial para afrontar os retos sanitarios asociados ao envellecemento, á cronicidade e a maior esperanza de vida.
Acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, o conselleiro apuntou que a sanidade pública xa está a traballar na incorporación destas ferramentas para ofrecer unha atención sanitaria máis precisa e personalizada.
Na actualidade, a sanidade pública galega está a empregar a Intelixencia artificial como apoio para a lectura de certas probas radiolóxicas e, ademais, está a probala nun proxecto piloto do cribado do cancro de mama, co obxectivo de mellorar a súa capacidade de diagnóstico. Ademais, está previsto que, no ano 2025, se empregue esta tecnoloxía na análise das imaxes vinculadas á Anatomía Patolóxica.
Nesta liña, e co obxectivo de facilitar o acceso, a organización e o correcto funcionamento do sistema sanitario público galego, o Servizo Galego de Saúde achega aos seus profesionais e usuarios ferramentas dixitais que posibilitan unha atención de maior calidade e unha mellor coordinación entre os distintos servizos.
Neste sentido, destacan a evolución da historia clínica electrónica (IANUS5) que permite integrar e compartir datos clínicos entre os diferentes servizos, ou aplicacións como Sergas Móbil ou E-Saúde, que posibilitan realizar múltiples xestións e consultar os resultados das probas realizadas desde os dispositivos dos pacientes.