A Xunta realiza labores de conservación en varios ríos no concello de Outes que suman máis de 12 quilómetros
As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante 14 semanas e inclúen a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento en varios tramos de cinco ríos no concello de Outes, que suman algo máis de 12 quilómetros.
As tarefas afectan a varios tramos dos ríos Entíns (4,5 km), Outes (1,1 km) e Rial (1,3 km) ao seu paso polas parroquias de San Pedro de Outes, Santo Ourente de Entíns e San Lourenzo de Matasueiro así como a dous quilómetros do río Donas en San Tirso de Cando. A maiores, tamén se actuará en 2,1 quilómetros do río Bendimón e en 1,1 quilómetros dun rego sen nome na parroquia de San Xoán de Roo.
Os traballos, que xa foron comunicados ao concello, prolongaranse durante aproximadamente 14 semanas e inclúen tanto a roza puntual de arbustos para acceso como a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos. Realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras así como coa utilización de maquinaria de apoio como un tractor e unha carretilla de carga.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías da demarcación Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación.
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.