O Comité Europeo das Rexións destaca o ditame galego sobre o futuro da pesca como unha das iniciativas con maior impacto en 2024
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou esta mañá na última sesión da comisión NAT do actual mandato do Comité Europeo das Rexións, na que se fixo balance do traballo destes anos
Jesús Gamallo destacou a reunión externa da comisión celebrada en 2022 en Santiago sobre o Camiño como exemplo dun modelo distinto de turismo en Europa
Bruxelas, 27 de novembro de 2024
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na reunión número 25 da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), a última do mandato (2020-2024). Nesta sesión, destacouse o ditame galego sobre o futuro da pesca como un dos dous asuntos con maior impacto político durante este ano, xunto ao espazo de datos sanitarios da UE.
No sétimo mandato da Comisión NAT, o organismo traballou en áreas como a seguridade alimentaria, o papel das rexións nos plans estratéxicos da Política Agraria Común (PAC) postos en marcha en 2023 ou unha visión a longo prazo para as zonas rurais.
Unha das áreas nas que tamén ten traballado NAT, a proposta da delegación galega, foi a política pesqueira común. Así, a finais do ano pasado o CdR aprobou o ditame A política pesqueira común sobre o terreo: cara comunidades costeiras sustentables e resilientes na Unión Europea. Gamallo foi o relator deste documento impulsado por Galicia que recolleu a posición das rexións europeas sobre o papel do sector da pesca e da acuicultura na transición ecolóxica, poñendo o foco no equilibrio que debe respectarse entre as dimensións medioambiental, económica e social da política pesqueira común.
O director xeral incidiu en que “da actividade deste sector non só dependen a saúde dos océanos e dos ecosistemas mariños, senón tamén o benestar e a prosperidade das comunidades costeiras”, e lembrou que “os produtos pesqueiros son vitais para a seguridade alimentaria e para acadar a ansiada autonomía estratéxica”.
Precisamente, o informe de impacto institucional do CdR 2024, tratado nesta reunión, recolle este ditame pola influencia que tivo no informe do Parlamento Europeo aprobado meses máis tarde baixo o título A situación actual da aplicación da política pesqueira común e perspectivas futuras. Un dos grandes logros que menciona dito informe é que, tras o chamamento do Parlamento Europeo e do Comité Europeo das Rexións en favor da creación dun comisario dedicado exclusivamente á pesca, a acuicultura e os asuntos marítimos, a nova Comisión Europea 2024-2029 vén de nomear a un comisario de Océanos e Pesca.
Durante o mandato do CdR que remata estes días, Galicia tamén destaca por ter acollido unha reunión externa da comisión NAT fóra da súa sede de Bruxelas. Con motivo do Xacobeo 21-22, a finais de 2022 celebrouse na capital galega unha cita centrada no Camiño de Santiago como un modelo distinto de turismo en Europa.
Galicia nas comisións CIVEX e NAT do CdR
No actual mandato 2020-2024 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participou na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). A primeira elabora ditames en áreas como as políticas comúns de agricultura e pesca, turismo ou saúde pública.