A Xunta abrirá este luns, día 10, a inscrición dunha nova convocatoria dos cursos gratuítos de condución segura de motos
Nesta segunda convocatoria do 2026 celebraranse 4 cursos, que se impartirán o 12 de setembro no concello de Vilalba, o día 19 no de Vilaboa, e os días 26 e 27 de setembro en Curtis
Os cursos están dirixidos a persoas maiores de 18 anos con permiso de condución de motocicletas (3 anos de experiencia no caso de permiso B), que desexen mellorar o control da motocicleta e conducir de forma máis segura
A inscrición pode realizarse a partir deste vindeiro luns, día 10, nas webs da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a entidade colaboradora, Motovial
Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2026
A Xunta abrirá mañá, luns día 10 de agosto, o prazo de inscrición para participar nunha nova convocatoria dos cursos gratuítos de condución segura de motocicletas, cuxa nova quenda se celebrará xa neste vindeiro mes de setembro.
Trátase da segunda convocatoria deste ano dos cursos gratuítos dirixidos a motoristas, que serán 8 cursos gratuítos de condución segura de motocicletas, cun total de 160 prazas dispoñibles.
Este cursos impulsados pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, están dirixidos a persoas maiores de 18 anos con permiso de condución de motocicletas (3 anos de experiencia no caso de permiso B), que desexen mellorar o control da motocicleta e conducir de forma máis segura.
A nova quenda destes cursos gratuítos da Xunta impartiranse en catro xornadas e dúas quendas diarias. Así, estas xornadas formativas distribuiranse en dous cursos por día, tendo cada un dos grupos un máximo de 20 alumnos.
As datas dos cursos, con horario de mañá ou de tarde, serán; 12 de setembro no concello de Vilalba, día 19 no de Vilaboa, e os días 26 e 27 de setembro en Curtis
A inscrición pode realizarse desde este luns 10 de abril ás 9.00 horas. Toda a información e as ligazóns para a preinscrición están dispoñibles nas webs da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a entidade colaboradora, Motovial: https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/seguridade-viaria/plan e https://www.motovial.gal/cursos-conduccion-xunta/ .
Os participantes deberán asistir coa moto en bo estado e coas condicións legais de uso. Os alumnos portarán casco homologado, luvas, botas e roupa de protección, así como a documentación relativa ao seguro obrigatorio do vehículo e á ITV en vigor.
As xornadas
As xornadas formativas distribuiranse en dous cursos por día e localidade, un de mañá e outro de tarde, tendo cada un dos grupos un máximo de 20 alumnos.
Trátase de cursos de formación cunha parte teórica e outra práctica, na que os participantes aprenderán a reaccionar ante situacións adversas, abordaranse temas relacionados coa normativa, con técnicas para mellorar as habilidades dos motoristas e a anticipación do risco e como reaccionar ante el.
Ademais, trataranse temas como o mantemento básico da motocicleta, a técnica e o control da freada, a xestión da traxectoria en curvas, as manobras evasivas e coa condución con pasaxeiro.
Con esta iniciativa, o departamento que dirixe María M. Allegue reafirma o seu compromiso coa seguridade viaria e a formación continua dos motoristas para reducir os riscos nas estradas galegas.