Gómez Caamaño e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participaron na inauguración do XX Congreso Nacional da Sociedade Española de Obesidade
O conselleiro de Sanidade celebra o compromiso da comunidade educativa co Plan Obesidade Zero e que xa o 90% dos menús das escolas ofrezan auga como única bebida
O Plan Obesidade Zero da Xunta ten entre os seus obxectivos que 189.000 persoas deixen de ter sobrepeso ou obesidade en 2030
O conselleiro do Mar sitúa o consumo de produtos pesqueiros como unha cuestión de saúde pública polos seus múltiples beneficios para a saúde e o medio ambiente debido á súa baixa pegada hídrica e de carbono
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, eloxiou o compromiso da comunidade educativa co Plan Obesidade Zero elaborado polo departamento sanitario e que actualmente xa o 90% dos menús escolares ofrezan auga como única bebida e opción máis saudable.
Así o sinalou Gómez Caamaño durante a inauguración do XX Congreso Nacional da Sociedade Española de Obesidade, que se celebra en Santiago de Compostela, na que tamén participou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.
Sobre o programa de revisión dos menús de centros escolares, o conselleiro de Sanidade incidiu noutros datos alentadores, como o feito de que o 80% empregue aceites alto oleicos e máis do 70% use sal iodada na preparación de alimentos para evitar deficiencias de iodo.
Na súa intervención Gómez Caamaño fixo mención a que Galicia foi pioneira en España á hora de crear a categoría de nutricionista na atención primaria do Servizo Galego de Saúde e puxo de relevancia a colaboración no congreso da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
Pola súa parte, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, situou o consumo de produtos pesqueiros como unha cuestión de saúde pública debido aos seus múltiples beneficios para a saúde. Así, reivindicou o peixe e mariscos galegos como fonte de benestar para a cidadanía xa que a súa inxesta axuda a mitigar e reducir o impacto de enfermidades. Nesta liña, recordou que estes alimentos son a base da dieta atlántica que favoreceu que a poboación galega sexa unha das máis lonxevas da Unión Europea.
O responsable autonómico do Mar, ademais de salientar as calidades nutritivas da proteína azul, puxo en valor o papel do sector pesqueiro como provedor de alimentos e a súa contribución á seguridade alimentaria xerando á vez riqueza e emprego nas comunidades costeiras. Nesta liña, indicou que esta actividade representa un dos modelos de produción máis sostibles e respectuosos co medio ambiente debido á súa baixa pegada hídrica e de carbono.
O titular de Mar destacou este tipo de foros como os máis axeitados para afondar na concienciación da cidadanía respecto aos seus hábitos alimenticios e para promocionar o consumo dos alimentos mariños nun contexto de progresivo descenso, unha liña na que se continúa traballando desde a Consellería do Mar, que se vería reforzada, dixo, se o Goberno central accedera a rebaixar o IVE a estes produtos, como vén reclamando o propio sector.
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, tamén colabora no desenvolvemento deste congreso organizado pola Sociedade Española de Obesidade coa participación do chef Kike Piñeiro cun espazo propio baixo o lema “Dieta Atlántica”, compartido coa Consellería do Mar. Nel ofrécese aos asistentes “bocados de dieta atlántica” feitos a base de produtos galegos da terra e do mar, con marcas de calidade diferenciada. Estas degustacións terán lugar o día 27 no cóctel de benvida e tamén o día 28 no simposio da dieta atlántica.
Ademais, os asistentes reciben un lote de produtos galegos de calidade diferenciada como os de Artesanía Alimentaria, mel, chourizo e froitas desecadas, así como grelos da IXP Grelos de Galicia e pan da IXP Pan Galego.