O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe no II Foro Acem de Enfermidades Neurodexenerativas
A Xunta pon en valor o traballo das entidades e profesionais que traballan na atención das persoas con enfermidades neurodexenerativas
O Goberno galego manterá o vindeiro ano a axuda directa de 12.000 euros aos afectados por Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA)
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024
O director xeral Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá no II Foro Acem de Enfermidades Neurodexenerativas. Neste encontro, sinalou a importancia de seguir traballando na investigación destas patoloxías para garantir o mellor tratamento e coidados ás persoas afectadas.
A xornada contou coa presenza de varios investigadores no eido das enfermidades neurodexenerativas, que compartiron os seus coñecementos con doentes e entidades sociais. Ademais, expuxéronse as diferentes técnicas e abordaxes no tratamento da esclerose múltiple, Párkinson e ELA.
Antón Acevedo destacou que é fundamental que as administracións amosen o seu respaldo aos doentes e achegados para axudalos a facer fronte á situación. Así, sinalou que a Xunta de Galicia foi a primeira comunidade en dar aos afectados de ELA unha achega anual de 12.000 euros válida para a adquisición de produtos ou a realización de reformas nas vivendas.
Ademais, recalcou que Galicia tomou tamén a dianteira a outras comunidades ao ofrecer unha vía preferente de atención hospitalaria e de acceso á dependencia ás persoas diagnosticadas con esta enfermidade.