Os comités de ética de investigación do Servizo Galego de Saúde fórmanse sobre os retos e as oportunidades que supón o uso de intelixencia artificial na sanidade
O xerente do Servizo Galego de Saúde inaugura a xornada sobre investigación con datos en saúde que acolle a Consellería de Sanidade
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, interveu no acto de inauguración da xornada Investigación con datos en saúde. Retos e oportunidades coa intelixencia artificial, que se celebrou esta tarde no Edificio administrativo de San Lázaro.
Esta actividade forma parte da formación demandada polos propios profesionais que integran os comités de ética de investigación da sanidade pública galega.
“Avogamos por que a incorporación da intelixencia artificial á sanidade se realice dunha maneira segura, fiable e ética, da mesma maneira que ocorre cos medicamentos e produtos sanitarios”, sinalou o xerente do Sergas.
José Ramón Parada lembrou tamén que Galicia é pioneira na regulación do uso das tecnoloxías no sistema público de saúde, xa que conta cun Consello Asesor en Intelixencia Artificial nesta materia. Ao mesmo tempo, a Xunta está a tramitar a Lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial en Galicia, que será a primeira a nivel nacional e que tamén regulará o ámbito sanitario.