Portos de Galicia comeza a reflotar o barco boniteiro afundido en Camariñas
O ente público lembra que a responsabilidade do proceso corresponde ao propietario do barco e que, ante a inacción deste, asume a xestión do proceso do que lle repercutirá os gastos, que ascenden a 15.000 polo levantamento e arredor de 50.000 para o despece
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, comeza hoxe a reflotar o barco boniteiro Jaungaikoa, afundido logo de incendiarse o pasado 4 de setembro no porto de Camariñas. Este proceso pode dar inicio dentro do prazo orixinalmente estimado tras recibir o informe e custes preliminares, así como a tramitación do contrato para a realización das labores.
Portos asumiu estes traballos tras a inacción por parte do propietario do barco, que é o responsable legal tanto do propio proceso de reflotalo como das consecuencias derivadas do ocorrido. Porén, dado o incumprimento desta obriga dentro do prazo establecido pola lei, o ente público viuse obrigado a levar a cabo as tarefas e asumir os custes derivados do proceso.
Deste xeito, e tras a elaboración do informe de situación encargado por Portos a unha empresa especializada en inspección submarina, os gastos de base de reflotar o Jaungaikoa ascenden a 15.000 euros. Unha vez reflotado, o barco deberá ser trasladado a un xestor autorizado para o seu despece, cuxo importe estímase en arredor doutros 50.000 euros. Portos de Galicia está a tramitar agora a contratación destes traballos.