A Xunta aposta en Ferrol pola recuperación de receitas tradicionais e a cociña de fusión a través do proxecto ‘Pan de Barco’
A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, presentou esta mañá a proposta promovida polo Concello de Ferrol co apoio de Turismo de Galicia
A iniciativa inclúe a celebración dun showcooking a cargo de tres cociñeiros ferroláns o próximo 4 de decembro
Ferrol, 29 de novembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do proxecto gastronómico Pan de Barco, unha iniciativa promovida polo Concello de Ferrol que conta coa colaboración de Turismo de Galicia.
A iniciativa, que nesta primeira edición contará coa participación de dos cociñeiros Daniel López, do Camiño do Inglés; Alejandro Martínez, de Bacelo, e Adrián Pérez, de Sinxelo, pretende recuperar receitas vinculadas á navegación ou propostas fusionadas de tradicións culinarias doutras latitudes con ingredientes galegos coa fin de divulgalas nun showcooking que terá lugar o próximo 4 de decembro no centro cultural Torrente Ballester.
A delegada territorial destacou a proposta pola súa repercusión turística e gastronómica e reivindicou a súa simbiose co modelo que está a promover o Goberno galego a través da Estratexia Turismo de Galicia 2030, “un turismo que dinamiza a nosa economía, xera emprego, e fomenta a conservación do noso patrimonio e da nosa identidade”, sinalou.
Aneiros felicitou ao Concello de Ferrol “pola visión de liderar unha iniciativa que une pasado, presente e futuro e que demostra que tradición e a innovación non son opostos, senón socios perfectos” e animou aos ferroláns a presumir “dunha industria gastronómica cun potencial enorme“.