A Xunta consolida os trens turísticos como produto estratéxico na promoción de Valdeorras
A Rúa (Ourense), 8 de agosto de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiu hoxe aos participantes da Ruta do Viño Ribeira Sacra e Valdeorras como parte dos Trens Turísticos de Galicia impulsados pola Xunta, Renfe e o Inorde na estación de tren da Rúa-Petín. Posteriormente visitaron a adega A Coroa, unha das paradas máis destacadas desta experiencia que combina enoturismo e patrimonio en Ourense.
A visita permitiu poñer en valor o programa dos Trens Turísticos como unha iniciativa que contribúe á economía local e á promoción dos recursos do territorio galego. Este ano, o produto ofrece 13 rutas con 33 saídas que continuarán durante todo este mes de agosto ata o mes de outubro, consolidándose como unha das iniciativas de referencia para descubrir Galicia dun xeito sostible e diferente. Concretamente, a Ruta do Viño Ribeira Sacra e Valdeorras volverá ter unha segunda saída o vindeiro 19 de setembro.