Román Rodríguez pronuncia o pregón de Nadal na inauguración do belén de Begonte

O conselleiro de Educación destaca a importancia desta tradición galega na 53ª edición do emblemático belén

Begonte (Lugo), 30 de novembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, pronunciou hoxe o pregón de Nadal na inauguración do belén electrónico de Begonte, que chega este ano á súa 53ª edición. Esta obra artesanal e tecnolóxica, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, atrae cada ano a preto de 40.000 visitantes. 

Román Rodríguez salientou o valor desta celebración, que non só contribúe a preservar e divulgar as tradicións galegas, senón que tamén reforza a nosa identidade cultural ao manter viva unha tradición que pasa de xeración en xeración. O conselleiro subliñou que este evento “simboliza o orgullo e a esencia do pobo de Begonte, converténdose nun referente para toda Galicia”. 

O programa inclúe como novidade o I Certame audiovisual sobre o Nadal, que se suma aos tradicionais concursos de poesía, xornalismo, arte e debuxo infantil. Este novo concurso está dividido en dúas categorías, infantil (ata 14 anos) e xeral (a partir de 15 anos), o que impulsa a creatividade e o talento dos máis novos.

Entre as novidades deste ano está tamén a incorporación de figuras procedentes do antigo Hospital Xeral de Lugo, doadas polo escritor Xosé Carlos Ullosa. Entre as pezas destacan unha máquina de mallar e un cabazo, mentres que outras figuras quedarán expostas no Museo do Centro Cultural de Begonte. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2024