A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou o Plan de vialidade invernal para as estradas autonómicas

A Xunta desprega máis de 80 equipos de maquinaria, 387 profesionais e 5.365 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo

O Plan de Vialidade Invernal, cuxos medios materiais e humanos se distribúen en 26 centros operativos nas catro provincias, estará activo ata o vindeiro 30 de abril

Trátase dun operativo para blindar a mobilidade nos máis de 5.500 quilómetros da rede autonómica, tendo identificados uns 972 km máis susceptibles de problemas por neve

Este programa contén medidas preventivas para anticiparse aos contratempos e medidas curativas para reforzar a seguridade en situacións meteorolóxicas desfavorables

O obxectivo é vixiar e atender as 24 horas as incidencias que se poidan producir nas vías por condicións climatolóxicas adversas e tratar de reducir as afeccións ao tráfico

A conselleira tamén apelou á prudencia dos condutores e peóns, tomando as medidas de seguridade que, en cada momento, recomendan as autoridades

Ourense, 29 de novembro de 2024

A Xunta desprega ata o 30 de abril máis de 80 equipos de maquinaria, 387 profesionais e 5.365 toneladas de fundentes (sal e salmoira) para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo.

A conselleira de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou hoxe o Plan de vialidade invernal para a rede viaria autonómica, que se artella mediante os 26 centros operativos nas catro provincias.

Trátase dun operativo fundamental para garantir a seguridade e a mobilidade nos máis de 5.500 quilómetros da rede autonómica de estradas, máis de 1.000 na provincia de Ourense. Neste sentido, a Xunta ten identificadas en Galicia as vías máis susceptibles de ter problemas por neve, é dicir, uns 972 quilómetros.

Allegue explicou que as choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve son  elementos habituais nesta época en Galicia,  polo que é fundamental contar, non só cos medios humanos e materiais necesarios, senón tamén cun protocolo axeitado para que resulte eficaz.

O Plan de vialidade invernal contén as medidas preventivas para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, así como medidas paliativas para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.

Ademais, establece protocolos de actuación, coa especial vixilancia das vías para detectar incidencias e a achega de información permanente aos usuarios, a través dos paneis informativos nas vías,  por internet, ou por medio do teléfono (coa colaboración do 112 ou da DXT) e con información nos medios de comunicación.

O obxectivo é vixiar e atender as 24 horas as incidencias que se poidan producir nas vías autonómicas por condicións climatolóxicas adversas e tratar de reducir as afeccións ao tráfico nas estradas.

A conselleira fixo fincapé en que os medios humanos e materiais están preparados, pero apelou á prudencia dos condutores e peóns, tomando as medidas de seguridade que, en cada momento, recomendan as autoridades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2024