A Xunta investirá máis de 300.000 euros en obras de mellora no centro de protección de menores de Ferrol

As actuacións servirán para mellorar o recubrimento exterior do centro, cambiar a cuberta e renovar os caleiros e baixadas de auga

Ferrol, 2 de decembro de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou as instalacións do centro de protección de menores da cidade, no que a Xunta realizará obras de mellora por un importe de máis de 300.000 euros.

 As actuacións están orientadas a mellorar o exterior do centro, con cambios no recubrimento exterior e no muro do complexo. Ademais, procederase á renovación dos caleiros e baixadas de auga e á limpeza e saneamento dos mesmos. Para acadar unha mellor eficiencia térmica e enerxética tamén se contempla a modificación da cuberta do edificio.

O centro de menores de Ferrol é un dos complexos do sistema de protección da infancia e adolescencia da Xunta de Galicia que conta con 49 prazas. Este recurso ofrece atención á menores en situación de vulnerabilidade e entre as súas funcións destaca á orientación sociolaboral para dotar aos mozos e mozas coas ferramentas e coñecementos necesarios para a súa emancipación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/12/2024