A Xunta remite o proxecto de Lei de medios ao Parlamento para a súa tramitación
Rueda salienta que o obxectivo é adaptar a normativa “aos cambios que houbo nos últimos anos no audiovisual” e ao novo marco regulatorio estatal e europeo
A norma blinda a promoción, difusión e impulso da lingua galega como misión fundamental da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
Aposta pola alfabetización mediática e dixital para promover o bo uso da tecnoloxía e mesmo recoñecer as noticias falsas, ao tempo que vela pola utilización responsable da intelixencia artificial
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, “que agora comezará a súa tramitación parlamentaria”. O texto blinda a misión fundamental da futura Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (denominación que adoptará a actual CRTVG), consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega.
O obxectivo da normativa, segundo explicou Rueda, é adecuar a actual lei (que data de 2011) “aos cambios que houbo nestes anos no audiovisual” así coma adaptala ao novo marco regulatorio estatal e europeo.
Entre outras novidades, o proxecto lexislativo que será tramitado e debatido na Cámara galega obriga aos medios públicos autonómicos a liderar a alfabetización mediática e dixital, en colaboración co sistema educativo, para promover o uso responsable da tecnoloxía, estimular a conciencia crítica e mesmo recoñecer as noticias falsas e os procesos de desinformación.
A norma tamén vela polo uso responsable da intelixencia artificial, garantindo o respecto á dignidade humana, os dereitos fundamentais e a súa fiabilidade.
Audiovisual galego
A futura lei compromete os medios públicos como promotores e difusores da produción audiovisual galega, aposta pola produción propia e crea un Consello Asesor de Participación Social e Profesional, integrado por 15 membros, dos que 9 serán elixidos por maioría cualificada do Parlamento de Galicia.
Coa aprobación deste proxecto de lei e a súa remisión ao Parlamento conclúe un traballo iniciado a primavera pasada, cando o anteproxecto se someteu a información pública e, posteriormente, se abriu o proceso de alegacións, en que participaron preto dunha vintena de organizacións profesionais e particulares ata sumar máis dun cento de achegas. Boa parte das alegacións foron tomadas en consideración, total ou parcialmente, ao igual que as propostas que foron transmitidas en reunións presenciais con entidades profesionais a empresariais do sector.
Ademais, tal e como explicou Rueda, a futura Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia garante que os medios públicos producirán e difundirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega. “Será todo en galego salvo cando se trate de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra da nosa terra”, indicou.
Aposta polo consenso
A Lei de medios, que será remitida en datas próximas ao Parlamento de Galicia, xorde con vocación de consenso. O Consello de Administración será elixido por maioría de dous terzos. De non acadarse, a votación repetirase un mes despois e abondará con maioría de tres quintos. É dicir, en calquera dos dous escenarios será elixido por maioría reforzada.
O Parlamento de Galicia elixirá tamén a Dirección Xeral da Corporación. A norma recolle a necesidade de acadar unha maioría de dous terzos nunha primeira votación. De non acadarse, a a votación repetirase un mes despois, abondando con tres quintos. Só como terceira opción se considera a elección por maioría absoluta no seguinte pleno para evitar situacións de interinidade indefinida.