A Xunta concede unha axuda de 55.000 euros para a posta en marcha dunha nova casa do maior en Dumbría
Con esta incorporación, Galicia rematará o ano con 143 casas do maior
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución dunha axuda para a dotación dunha nova casa do maior no concello coruñés de Dumbría. No marco da orde correspondente a 2024, a Xunta concedeu unha axuda de preto de 55.000 euros que permitirá contar con cinco novas prazas de atención diúrna no municipio.
As casas do maior é unha medida pioneira que o Executivo autonómico comezou a implantar no ano 2018 e na que desde entón leva investidos 22,4 millóns de euros. Os promotores destes recursos reciben subvencións para as obras de acondicionamento dos inmobles nos que prestarán o servizo, para o mantemento da actividade e para o desprazamento dos usuarios.
Así mesmo e como novidade, a orde deste ano establece unha axuda complementaria de 150 euros semanais nos casos de baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada da casa do maior.
A Xunta destinou 1,3 millóns de euros á convocatoria deste ano, que permite a posta en funcionamento de prazas 100% gratuítas para persoas maiores de 60 anos que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con servizos de atención diúrna. Con esta incorporación, Galicia rematará o ano con 143 casas do maior.