A Xunta resalta a importancia da planificación estratéxica para garantir un mellor e máis responsable servizo á cidadanía

A Escola Galega de Administración Pública clausurou esta mañá o curso monográfico A planificación estratéxica, impartido polo director do servizo de formación da Deputación de Barcelona, Enric Herranz Moral

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, resaltou a importancia da planificación estratéxica para poder xerar transformacións destacadas nos organismos públicos

O obxectivo do curso, cunha duración de 30 horas, é dotar aos empregados públicos dos coñecementos e habilidades necesarias para implementar un proceso de planificación estratéxica na Administración, cun carácter eminentemente práctico

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2024

A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, clausurou esta mañá o curso monográfico A planificación estratéxica, que se celebrou durante dous días na Escola. O curso, cunha duración de 30 horas, foi impartido polo director do servizo de formación da Deputación de Barcelona, Enric Herranz Moral.

 No acto de clausura, a directora da EGAP destacou a importancia da planificación estratéxica para poder xerar transformacións destacadas nos organismos públicos, o que redundará nun mellor servizo á cidadanía. Tamén avogou pola incorporación á axenda política da planificación estratéxica co fin de producir unha transformación na cultura organizativa das Administracións públicas.

Sonia Rodríguez-Campos indicou que a planificación estratéxica é un elemento clave para garantir o uso responsable, equilibrado e eficiente dos recursos públicos, así como un desenvolvemento económico sostible, ademais de promover a redución de desigualdades e a mellora da calidade de vida da poboación.

Por último, afirmou que todos os beneficios que pode xerar a planificación estratéxica ás Administracións públicas resultan esenciais para o avance e o progreso das mesmas no camiño cara a mellora continua e a excelencia.

O obxectivo do curso monográfico é dotar aos participantes dos coñecementos e habilidades necesarias para implementar un proceso de planificación estratéxica nunha organización pública, así como os instrumentos de dirección precisos para unha xestión efectiva e a identificación dos riscos.

Tamén se ofreceu formación sobre como estruturar e xerarquizar un plan estratéxico, as competencias para realizar análises detalladas e a capacidade de concretar e levar a cabo actuacións específicas para alcanzar os obxectivos definidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/12/2024