A Xunta destina 32.000 euros á sustentabilidade de oito confrarías do Salnés

O delegado territorial visitou a Confraría de Carril que recibiu unha achega que supera os 4.000 euros

En total beneficiáronse destas axudas 23 confrarías e asociacións da provincia de Pontevedra, ademais da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 4 de Decembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Confraría de Carril con motivo das axudas de carácter extraordinario ás entidades asociativas do sector pesqueiro destinadas a garantir a súa sustentabilidade.

Acompañado pola directora territorial de Mar, María Elena Suárez, o delegado destacou a importancia dun “sector clave” para Galicia e lembrou que a Xunta “seguirá apoiando aos traballadores e traballadoras do mar e fomentando o produto galego como sinónimo de calidade e excelencia”.

Cabe destacar que Confraría de Carril recibiu unha achega de 4.000 euros ao abeiro desta liña de axudas. Na provincia de Pontevedra foron 23 as confrarías e asociacións que se beneficiaron desta convocatoria, ás cales hai que sumarlle a achega destinada á Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra. En total a consellería do Mar destinou preto de 135.000 euros ás entidades da provincia.

Ademais da de Carril, destacan na comarca do Salnés as confrarías do Grove; Cambados; Vilaxoán; Illa de Arousa; Sanxenxo; Portonovo e Vilanova. O investimento nesta liña de axudas nas confrarías do Salnés chega aos 32.000 euros.

Reguera aproveitou a visita para destacar a “importancia das campañas de promoción que a Xunta leva a cabo dende hai anos para que os consumidores sexan conscientes do calor engadido dos produtos galegos e os escollan por diante doutras opcións de menor calidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2024