A Xunta propón unha serie de cambios ao Goberno central para clarificar as condicións nas que Galicia xestionará o seu litoral

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remite as súas alegacións ao novo borrador enviado polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática para o traspaso dos medios e funcións sobre a costa

O obxectivo do Goberno galego é simplificar e eliminar inxerencias estatais que poidan dilatar innecesariamente a tramitación administrativa autonómica

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática as súas alegacións ao novo borrador para o traspaso das funcións, servizos e medios necesarios para asumir a xestión completa do litoral co obxectivo de clarificar as condicións nas que Galicia exercerá esa competencia.

A proposta galega avoga pola simplificación e pola eliminación de inxerencias estatais que puidesen dilatar innecesariamente a tramitación administrativa autonómica. De feito, a Xunta pon en valor que o Goberno central rectificase e retirase a exixencia dun informe vinculante do Estado cada vez que a Administración autonómica pretenda outorgar unha concesión para obras ou instalacións non desmontables no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). Isto supón un avance fronte aos traspasos xa efectuados ás comunidades autónomas litorais.

Este informe vinculante é substituído, na nova proposta estatal, por unha notificación de cada solicitude en tramitación á Administración Xeral do Estado, que terá un prazo de dous meses para emitir o seu criterio ao respecto. En caso de discrepar coa postura autonómica, abriríase un período de consultas para solucionar as diferenzas de criterio. Ante iso, o Goberno galego considera que non existe base competencial para que o Executivo central se arrogue esta potestade.

Nesa liña, nas súas alegacións ao novo borrador, a Xunta lembra que o Tribunal Constitucional indicou na sentenza que avalou a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia que as comunidades autónomas son as competentes para outorgar concesións mentres que ao Estado lle corresponde unicamente a facultade lexislativa de establecer o réxime xurídico do DPMT.

A maiores, Galicia reivindica o acceso ao sistema estatal de información, tal e como se recolle nos reais decretos doutras comunidades autónomas, e considera que se debe garantir, de xeito expreso, a convocatoria regular da comisión bipartita. E, no que atinxe á potestade sancionadora, a Xunta ve razoable exercer esta competencia con respecto aos títulos que pasa a xestionar, e que recaia no Estado no resto dos casos.

Aínda que a Xunta pon en valor que o Goberno central tomase en consideración, con carácter xeral, as cuestións trasladadas ao primeiro borrador, estima necesario introducir na proposta definitiva os cambios expostos para garantir unha correcta ordenación da costa e unha aplicación efectiva das competencias sobre o litoral.

Nese senso, a Xunta insiste na urxencia de que a Comisión Mixta de Transferencias se celebre o antes posible así como na importancia de concretar e cuantificar este traspaso porque é un paso fundamental para poder seguir co desenvolvemento da lei galega. De feito, en canto reciba o traspaso formal dos medios necesarios para asumir directamente todas as súas competencias neste eido, a Xunta ten o compromiso de comezar a traballar de inmediato na emisión dos primeiros informes e títulos relacionados coa xestión do litoral.

Data de actualización: 04/12/2024