A conselleira de Política Social e Igualdade participou hoxe na entrega do galardón que outorga cada ano o colectivo de profesionais médicos
Fabiola García felicita ao Centro Galego en Madrid por recibir a insignia de ouro de Asomega en recoñecemento aos seus máis de 130 anos de historia
Enxalza tamén o traballo realizado pola Asociación de Medios Galegos en áreas como o coñecemento científico, a investigación ou a innovación
Madrid, 4 de decembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou hoxe no acto de entrega da insignia de ouro da Asociación de Médicos Galegos (Asomega) ao Centro Galego en Madrid. Con este galardón, o colectivo de profesionais médicos recoñece os máis de 130 anos de traballo do centro como punto de referencia para os galegos e galegas que viven en Madrid.
Tras a entrega da insignia, Fabiola García puxo en valor o traballo que realiza día a día o Centro Galego, que, segundo dixo “leva décadas unindo Galicia e Madrid e combinando tradición e modernidade”. Por iso, felicitou ao presidente da entidade, Fernando Rey, e animouno a seguir traballando nesta liña e sendo “sinónimo de vida cultural e de punto de encontro.
Durante a súa intervención no acto, a conselleira tamén enxalzou o traballo realizado por Asomega en áreas tan importantes para a saúde como o coñecemento científico, a investigación ou a innovación. Remarcou, así mesmo, que Asomega simboliza a excelencia clínica, a innovación e investigación de calidade, así como a atención multidisciplinar e o coidado centrado no paciente. Por último, Fabiola García felicitou ao Centro Galego en Madrid e a Asomega por ser “galegos que tenden pontes e tecen redes de apoio e axuda”.