O profesor de Dereito administrativo da USC, Marcos Almeida, analizará na EGAP as bases para a regulación da intelixencia artificial no sector público
A Escola Galega de Administración Pública acollerá o xoves a conferencia Bases para a regulación da Intelixencia Artificial no sector público
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentará a sesión, que se encadra no ciclo de conferencias sobre novidades lexislativas no ámbito autonómico organizado pola Escola
Na conferencia analizaranse os principios reitores para regular o deseño, adquisición, implementación e emprego dos sistemas de intelixencia artificial polas entidades do sector público
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) organizará o próximo xoves, 12 de decembro, ás 17:00 horas a conferencia Bases para a regulación da intelixencia artificial no sector público, que será impartida polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Marcos Almeida Cerreda. Esta sesión encádrase no ciclo de conferencias sobre novidades lexislativas no ámbito autonómico, organizado pola Escola.
Marcos Almeida Cerreda é un dos integrantes da comisión de expertos para o desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia, impulsada pola Xunta de Galicia, que está formada por dez persoas expertas en diferentes ámbitos, como a economía, a filosofía, a evolución humana, a tecnoloxía aplicada, a ética e normativa ou a política pública. A comisión foi creada polo Goberno galego a finais de 2023 e está presidida polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentará a conferencia onde se analizará a implementación da intelixencia artificial e a súa incidencia na forma na que se xestionan os servizos públicos e se toman decisións. Neste sentido, é fundamental un deseño responsable e equitativo destas tecnoloxías que evite riesgos e exclusións e preserve os principios democráticos co obxectivo de que a intelixencia artificial non só sexa unha ferramenta técnica, senón tamén un medio para fortalecer a gobernanza, a participación cidadá e a consecución do interese xeral dos cidadáns.
O profesor explicará polo miúdo cales son os principios reitores para regular o deseño, adquisición, implementación e emprego dos sistemas de intelixencia artificial por parte do sector público.