A Xunta renova o convenio co Consello da Avogacía Galega para compensar os gastos da asistencia xurídica gratuíta cun importe de 200.000 €
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asina o acordo para a compensación aos profesionais designados en virtude de requirimento xudicial ou polo asesoramento prestado á persoa detida ou investigada cando non exista o recoñecemento do dereito á quenda de oficio
Ampliáronse este ano as melloras introducidas no acordo entre a Administración autonómica e o Consello da Avogacía Galega en 2021, dándolles resposta a varias das demandas da quenda de oficio
Pese a que a asistencia xurídica gratuíta é competencia estatal, a Xunta retribúe cos baremos vixentes mediante os convenios co Consello da Avogacía Galega e do Consello Galego dos Procuradores conceptos que non recolle a normativa estatal
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director de Xustiza, José Tronchoni, asinou esta semana co presidente do Consello da Avogacía Galega, Francisco Rabuñal, a renovación do convenio para compensar economicamente os letrados designados en virtude de requirimento xudicial cando non exista un recoñecemento expreso do dereito de asistencia gratuíta. A través do acordo, a Xunta aboará ata 200.000 euros para darlle cobertura aos gastos xustificados segundo o convenio.
O obxectivo é compensar as asistencias letradas realizadas por avogados en Galicia por requirimento xudicial nun procedemento penal cando os defendidos, sexan persoas físicas ou xurídicas, reúnan certos requisitos. Entre estes figuran ter denegado o dereito de asistencia xurídica gratuíta por diferentes causas, desde defectos de forma na solicitude -falta de sinatura do interesado ou por non achegar a documentación requirida pola Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta- ata carecer de recursos ou de patrimonio para facer fronte aos custos.
Este convenio súmase aos acordos para compensar aos colexios de avogacía e de procuradoría polas actuacións dos seus colexiados na prestación deste servizo. Trátase así de ampliar o ámbito subxectivo da lei de asistencia xurídica gratuíta, recollendo conceptos que actualmente non están incluídos. Ademais, como novidade, redúcese a tramitación no pago evitando a reclamación xudicial ou extraxudicial nos casos nos que a persoa beneficiaria é aparentemente insolvente e substituíndoa por unha declaración responsable do profesional designado.
Outra das novidades é a inclusión nos pagos do concepto de solicitude dalgunha medida xudicial de apoio de carácter estable a unha persoa con discapacidade, con independencia da súa capacidade económica. O convenio dálle polo tanto resposta a varias das demandas da quenda de oficio e amplía as melloras introducidas no acordo entre a Xunta e o Consello da Avogacía Galega para a aclaración e inclusión de novos conceptos do baremo aprobado en 2021.
Pese a ter limitada a competencia autonómica, o Goberno galego financia a asistencia xurídica gratuíta en favor de persoas sen recursos suficientes mediante compensacións a través dos colexios profesionais e reserva para este fin máis de 15 millóns de euros nos orzamentos de 2025, un 8,6% máis e con novos conceptos tras a actualización dos baremos durante as negociacións con estes colectivos. Así, Galicia sitúase nos primeiros postos a nivel estatal na compensación a estes profesionais e no último acordo e por maior número de conceptos e axilización na tramitación na indemnización.