A Xunta inviste máis de 118.000 euros en varias actuacións de mellora no CEIP Couceiro Freijomil e no IES Breamo, en Pontedeume
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá ambos centros onde supervisou as obras xa executadas de cambio da cuberta na zona de Educación Infantil e substitución de ventás
Ademais no IES Breamo estanse a acometer traballos de pavimentación nun dos accesos ao centro co fin de mellorar a accesibilidade
Pontedeume (A Coruña), 11 de decembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e do director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, visitou esta mañá o CEIP Couceiro Freijomil e o IES Breamo, nos que a Administración autonómica está a acometer obras de acondicionamento por valor de máis de 118.000 euros.
No caso do CEIP Couceiro Freijomil, a intervención consistiu na substitución da cuberta da zona de Educación Infantil cun investimento de 47.170 euros. Os traballos executáronse durante o verán.
No IES Breamo, remataron recentemente as obras para o cambio das ventás da fachada sur do centro, así como as de impermeabilización da zona sobre o cadro eléctrico cuxo importe ascendeu a 46.344 euros. Esta mesma semana iniciáronse tamén os traballos de pavimentación con formigón pulido do acceso ao centro pola fachada sur, unha intervención coa que se pretende mellorar a accesibilidade eliminando os desniveis existentes ata o momento co fin de facilitar o acceso ás persoas con problemas de mobilidade. Neste caso o importe dos traballos ascenden 24.600 euros.
As intervencións en ambos centros están incluídas dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para a modernización dos centros educativos, que en Ferrolterra recolle actuacións por valor de 14,3 M€. Ademais destas pequenas e medianas intervencións, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica recolle actuacións en marcha como a ampliación do CPI As Mirandas que conta cun investimento de 3,1 M€ ou comprometidas como a rehabilitación integral do CIFP Leixa, valorada en 2 M€, entre outras.
A delegada territorial lembrou o compromiso do Goberno galego cunha educación pública de calidade “que pasa tamén por ofrecer uns centros educativos que ofrezan espazos confortables, seguros e accesibles nos que os escolares poidan desenvolver a súa aprendizaxe”, indicou.