A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o centro sociosanitario Bidealde, en Pamplona
A Xunta aposta pola transferencia de coñecementos e iniciativas sobre o coidado de persoas maiores entre comunidades autónomas
A conselleira puxo en valor o modelo de coidados implantado en Galicia, centrado en facer máis humanos e accesibles os centros residencias e apostando pola innovación asistencial e as novas tecnoloxías
Posteriormente, mantivo unha reunión cos responsables da Cátedra de ‘Nuevas Longevidades’ da Universidade de Navarra que busca deseñar novos modelos asistenciais e de calidade de vida dos maiores
Navarra, 11 de decembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor o novo modelo de coidados implantado en Galicia e que está baseado nunha total coordinación entre o ámbito sanitario e o social. Fíxoo na visita que realizou esta mañá ás instalacións do centro sociosanitario Bidealde, situado en pleno Camiño de Santiago e que integra as últimas tecnoloxías.
Fabiola García destacou a importancia de compartir os últimos avances no coidado de persoas maiores en Galicia e Navarra, apostando pola transferencia de coñecementos entre as comunidades autónomas para mellorar o sistema de coidados.
A conselleira, que estivo acompañada polo presidente da Fundación Idea, Rafael Sánchez-Ostiz, e polo director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, fixo fincapé en que neste centro de Navarra se teñen introducido melloras similares ás xa implantadas en Galicia e que buscan facer máis humanos e accesibles os centros residenciais. Apostando, deste xeito, pola Innovación asistencial, a aplicación das novas tecnoloxías e a humanización dos coidados.
A residencia Bidealde foi premiada en 2023 polo Clúster Saúde de Galicia polo seu proxecto pioneiro de acoller a peregrinos en convivencia coas persoas maiores. Trátase dun centro organizado en unidades de convivencia centradas en que os residentes se sintan como no seu fogar e con temática do Camiño de Santiago.
As novas lonxevidades
Posteriormente, a conselleira de Política Social e Igualdade mantivo unha reunión cos responsables da Cátedra de Nuevas Longevidades da Universidade de Navarra, un grupo de expertos de diferentes sectores que busca identificar as necesidades de coidado das persoas maiores co obxectivo de poder deseñar novos modelos asistenciais, de provisión de coidados e de saúde.
A finalidade desta cátedra é contribuír ao desenvolvemento dun modelo personalizado de coidados e apostar por un concepto de envellecemento activo e saudable. Prolongando a calidade de vida das persoas maiores, ao tempo que se dea resposta aos retos demográficos e a atención á dependencia.
Fabiola García, que estivo acompañada da directora da Cátedra, Ana Marta González, subliñou que o obxectivo desta cátedra coincide cos obxectivos que busca Galicia para ofrecer iniciativas que fomenten o envellecemento activo e dotar ás persoas maiores das ferramentas necesarias para que poidan decidir onde e como pasar esta nova etapa da súa vida. Neste sentido, lembrou experiencias pioneiras en Galicia como os recursos no rural, con máis de 140 casas do maior, ou o Bono coidado no fogar.