Así o acordaron os representantes da Administración e os sindicatos na xuntanza da Mesa Sectorial de Sanidade que se celebrou esta mañá

O Servizo Galego de Saúde e as organización sindicais acordan a creación dun grupo de traballo para abordar a voluntariedade do persoal médico de atención primaria nas quendas do sábado pola mañá

O 14 de xaneiro formalizarase a creación deste grupo de traballo para avanzar na elaboración dun proceso regrado de voluntariedade para cubrir as quendas de mañá dos sábados

Acordouse que mentres non se elabore ese documento, durante os tres primeiros meses de 2025, as sete áreas sanitarias deberán cubrir estas quendas, na medida do posible, con persoal voluntario

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e as organizacións sindicais con presenza na Mesa sectorial de Sanidade –CIG, CSIF, CCOO, e UGT-, acordaron na xornada de hoxe a creación dun grupo de traballo para abordar a voluntariedade do persoal médico de atención primaria nas quendas do sábado pola mañá.

Durante a xuntanza da Mesa Sectorial de Sanidade, celebrada esta mañá na sede da Consellería en San Lázaro, fixouse a data do 14 de xaneiro para formalizar a creación deste grupo de traballo, que terá como principal misión elaborar un procedemento regulado para definir os criterios de voluntariedade para cubrir as quedas de mañá dos sábados.

Mentres se avanza na elaboración deste procedemento, e durante os tres primeiros meses de 2025, acordouse que as sete áreas sanitarias deberán cubrir, na medida do posible, as quendas do sábado pola mañá con persoal médico voluntario.

Nesta liña, o Servizo Galego de Saúde comprometeuse a trasladar ao conxunto das xerencias sanitarias a información sobre como deberán proceder até que se fixen os novos criterios de voluntariedade.

Data de actualización: 11/12/2024