A Xunta destaca o labor dos profesionais e entidades sociais que traballan no coidado e acompañamento das persoas con párkinson

A directora xeral de Persoas con Discapacidade agradeceu a atención dos sanitarios que durante este ano acompañaron aos doentes e aos seus achegados

A Coruña, 11 de decembro de 2024

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou na clausura do programa Nos quitamos la bata por ti y por mí que promoven a Asociación de Párkinson Galicia e a Fundación San Rafael. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer un acompañamento especializado ás persoas con Párkinson.

Este programa iniciouse en xaneiro e contou ao longo de todo o ano con profesionais de todos os eidos sociais que ofreceron información especializada e acompañamento tanto a doentes como aos seus familiares e achegados.  Así, o obxectivo é que exista unha proximidade entre os traballadores especializados e as persoas afectadas para facilitar o transcurso das enfermidades neurodexenerativas.

Neste senso, Begoña Abeijón agradeceu o traballo dos sanitarios que se prestaron de xeito altruísta para desenvolver o proxecto e sinalou a importancia de que as entidades sociais continúen traballando a prol da integración das persoas con discapacidade. Así mesmo, a directora xeral trasladou o compromiso da Xunta de Galicia para continuar promovendo iniciativas que supoñan a mellora da calidade de vida de todos os afectados e os seus achegados.

Data de actualización: 11/12/2024