A directora xeral de Patrimonio Natural asistiu, en Lobios, ao comité de dirección deste espazo protexido
Galicia e Portugal impulsan novos proxectos de cooperación para garantir a preservación da Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés
O vindeiro ano celebrarase, na cidade chinesa de Hangzhou, o Congreso Mundial de Reservas de Biosfera, no que se deseñará a nova planificación para estes espazos protexidos para o período 2025-2035
Lobios (Ourense), 11 de decembro de 2024
Galicia e Portugal impulsan novos proxectos de cooperación para garantir a preservación da Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, segundo avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz.
Durante a súa intervención no comité de dirección desta reserva de biosfera, na que estivo acompañada da directora rexional da Conservação da Natureza e Florestas do Norte e vogal do Conselho Diretivo do ICNF (Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas), Sandra Sarmento, Marisol Díaz avanzou a intención da entidade de recorrer ao Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) para avanzar no coidado e preservación deste espazo natural e, ao mesmo tempo, garantir o seu desenvolvemento sostible.
Nesa liña, Díaz incidiu no obxectivo común de establecer mecanismos de coordinación, que faciliten intercambios de experiencias, información e documentación que permitan o desenvolvemento de proxectos conxuntos.
De feito, as conclusións que se extraian da reunión celebrada hoxe serán un instrumento fundamental á hora de establecer unha folla de ruta para acometer novas iniciativas e actuacións, que repercutirán nos 12 municipios que conforman este espazo protexido, dos que a metade son galegos -Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños-.
Nese senso, cómpre salientar que o vindeiro ano se celebrará, na cidade chinesa de Hangzhou, o Congreso Mundial de Reservas de Biosfera, que determinará a nova estratexia do Programa sobre o home e a biosfera (MAB, nas súas siglas en inglés). Esta nova planificación para o período 2025-2035 establecerá o papel e o alcance do Programa MAB da Unesco no contexto de conclusión da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
A maiores, no encontro, celebrado no centro de interpretación do Parque Natural do Xurés, en Lobios, a Xunta cedeu a presidencia do comité de dirección da Reserva da biosfera Gerês-Xurés durante os dous próximos anos á Rexión Norte de Portugal.