A Xunta inviste algo máis de 40.000 euros na mellora das infraestruturas viarias interiores do polígono industrial de Penapurreira, nas Pontes
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros visitou esta mañá a rúa Carracedo onde se desenvolveron os traballos de reposición da pavimentación da beirarrúa
A orde de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia deixou este ano en Ferrolterra axudas por valor de 274.000 euros
As Pontes (A Coruña), 12 de decembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros visitou esta mañá o polígono industrial de Penapurreira, onde o Concello acometeu obras de mellora das infraestruturas viarias interiores con cargo a unha axuda da Consellería de Economía e Industria para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.
O proxecto, que percibiu unha achega autonómica de 40.587 euros, consistiu na execución dunha nova pavimentación na beirarrúa da rúa Carracedo que ata o momento dispoñía dun pavimento de lastra de formigón nun estado de notable deterioro, o que entrañaba riscos para os viandantes. A actuación executada permitiu a reposición do seu solado.
A delegada territorial puxo en valor esta liña de axudas dotada de 3,5 M€ de investimento e que permite mellorar os servizos e o acondicionamento das infraestruturas existentes ou de nova construción nos polígonos industriais galegos. A finalidade é que as empresas radicadas neles poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica, ao tempo que contribúe a fixar novos proxectos.
“É un exemplo máis da política do Goberno galego a prol da busca constante de mellorar a oferta de solo empresarial para favorecer a actividade industrial, a captación de novos investimentos e a creación de emprego”, apuntou Aneiros que lembrou que a presente convocatoria deixou 274.000 euros en axudas en catro concellos da zona (As Pontes, Cabanas, As Somozas e Narón).
Entre as actuacións subvencionables, inclúese a implantación de melloras na iluminación pública nos colectores que verten ás EDAR municipais; na xestión de residuos dentro do parque empresarial; nas infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao recinto; a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia; as instalacións comúns de equipos e sistemas de protección destinados á loita contraincendios ou contra roubos de cable, e os servizos centralizados de subministración de gas e/ou hidróxeno.
A intensidade das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, é dun 80% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros.