A Xunta destaca que Galicia acadou nos últimos dous anos un saldo migratorio positivo de 53.000 persoas

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica presentou hoxe o seu informe anual, centrado na mobilidade e os movementos migratorios.

A chegada de novos cidadáns grazas ás políticas de retorno ten efectos positivos na dinamización do rural e na remuda xeracional de moitos sectores económicos

O pleno deste órgano consultivo aprobou realizar en 2025 un informe demográfico sobre o envellecemento e a lonxevidade

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe o efecto positivo que están a ter os movementos migratorios na situación demográfica e resaltou que Galicia acadou nos dous últimos anos un saldo migratorio positivo de 53.000 persoas.

Jacobo Rey participou hoxe no pleno do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica no que, precisamente, se presentou o informe anual deste órgano consultivo, centrado nesta ocasión na mobilidade e os movementos migratorios. O informe conclúe que Galicia acadou nos últimos anos un aumento de poboación grazas á chegada de persoas doutros países e doutras comunidades autónomas, así como ao retorno de galegos que residían no exterior.

Este órgano consultivo está formado por profesores e investigadores da Universidade, persoal de institucións públicas e da administración, do eido económico, político e sindical. O documento presentado hoxe constata que desde 2017 se produciu unha porcentaxe maior de entradas de persoas que saídas, uns datos que teñen efectos positivos na economía ao producirse un aumento de persoas estranxeiras nas afiliacións á seguridade social.

O informe mostra que un terzo dos migrantes son persoas de orixe galego que volveron á comunidade. Nesta liña, Jacobo Rey lembrou que gran parte das políticas da Xunta no eido da emigración están enfocadas na estratexia Galicia Retorna. Desta xeito, búscase, entre outras cousas, atraer o talento mozo e fomentar a dinamización da poboación en Galicia.

Así mesmo, o informe resalta que o saldo migratorio positivo é clave para compensar o saldo vexetativo, especialmente das zonas rurais de Galicia, e impulsa a remuda xeracional en moitos sectores económicos. Con respecto a isto, constátase que o retorno á Galicia ten unha incidencia maior na provincia de Lugo, un territorio de interior marcado polo envellecemento da poboación.

Neste pleno os membros do Observatorio tamén aprobaron que o informe demográfico para presentar o próximo ano versará sobre o envellecemento e a lonxevidade. O documento analizará como isto inflúe na dispersión poboacional e poñerá o foco nos efectos que pode ter na economía galega e no eido social.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2024