A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con responsables desta entidade

Lorenzana explora co Clúster da Xeotermia novas vías de colaboración para impulsar o potencial deste sector en Galicia

Nos últimos 10 anos, o número de empresas relacionadas directa ou indirectamente con este mercado creceu en Galicia preto dun 14 por cento

O consumo de enerxía procedente de renovables de uso térmico aumenta na Comunidade, pero aínda representa unicamente o 11,6 por cento do total, por iso a Xunta quere darlle máis pulo

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro cos responsables do  Clúster da Xeotermia de Galicia (Acluxega), con quen abordou futuras vías de colaboración para seguir dando pulo a este sector como fonte de xeración de enerxía térmica.

Segundo se puxo de manifesto na xuntanza, as características do subsolo galego fan da xeotermia un sector con grandes posibilidades. De feito, nos últimos 10 anos, o número de empresas relacionadas directa ou indirectamente con este mercado creceu en Galicia preto dun 14 por cento.

Fíxoo, segundo a conselleira, impulsado, en parte, polas medidas que puxo en marcha a Xunta: a Estratexia de impulso á xeotermia 2015–2020 e o Plan de promoción e impulso á xeotermia 2021–2023 para o fomento desta tecnoloxía en Galicia. Con eles, desenvolvéronse medidas de fomento do uso da xeotermia con axudas específicas a familias, empresas, administracións e entidades, medidas de calidade e accións de formación, difusión e sensibilización.

Segundo os datos da Axenda Enerxética de Galicia 2030, o consumo de enerxía procedente de renovables de uso térmico crece pero aínda representa unicamente o 11,6 por cento do total, por iso a Xunta quere darlle máis pulo. Provén principalmente da biomasa (95,5%) e, en menor medida e por orde descendente, da solar térmica (1,8%), da aerotermia e hidrotermia (1,2%) e da xeotermia (0,5%)

Actualmente, en Galicia existen máis de 1.600 instalacións (que representan máis de 36 MWt), na maior parte dos casos de pequeno tamaño, de menos de 30 kW. En canto aos sectores, a xeotermia ten maior presenza en canto a número instalacións no sector residencial onde representa case a metade; pero tamén está presente na industria, o sector servizos, o eido educativo, as administracións públicas e o turismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2024