A Delegación Territorial de Pontevedra homenaxea aos 20 funcionarios xubilados durante o ano 2024

O delegado territorial destacou na súa intervención o gran impacto que ten o traballo dos funcionarios públicos no conxunto da sociedade galega

Pontevedra, 16 de decembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presidiu esta mañá a homenaxe aos funcionarios da delegación territorial de Pontevedra xubilados durante o ano 2024.

O acto, que tivo lugar no edificio administrativo da Xunta, en Campolongo, contou coa presenza dos directores territoriais das distintas consellerías que entregaron un pequeno agasallo aos homenaxeados.

En total foron 20 os xubilados homenaxeados neste evento. En súa representación tomou a palabra Margarita Prego Reboredo que dirixiu unhas palabras aos presentes. “Marchamos sabendo que deixamos a administración en boas mans e que un pouco de nós queda nas oficinas onde pasamos tanto tempo”, sinalou emocionada.

Pola súa banda, o delegado territorial pechou o acto sinalando a importancia de contar con funcionarios comprometidos e que traballen de forma coordinada.

“A administración é unha engrenaxe que precisa de moitos pequenos-grandes movementos para funcionar de forma correcta. Se a administración galega funciona, é xustamente grazas ao voso traballo”, explicou Reguera antes de asegurar que “Desde a vosa oficina conseguistes que case 3 millóns de galegos gocen dos servizos necesarios para vivir unha vida plena. Non hai homenaxe que consiga poñer en valor ese logro”.

Para rematar o delegado desexou “un 2025 cheo de saúde e felicidade” a todos os presentes e lembrou que o edificio administrativo da Xunta en Pontevedra “será sempre a vosa casa”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2024