Fabiola García, acompañada dos directores xerais de Loita contra a Violencia de Xénero e Promoción da Igualdade, participou na Conferencia Sectorial de Igualdade

A Xunta esixe ao Goberno central que reforme a Lei de asistencia xurídica gratuíta para facilitar ás vítimas de violencia sexual o acceso ao servizo desde que se denuncia

O Executivo central leva dous anos de atraso na execución desta reforma da Lei 10/22 de garantía integral da liberdade sexual

A normativa galega xa recoñece ás vítimas de violencia sexual como vítimas de violencia de xénero e garante o seu dereito ás mesmas prestacións e servizos

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia reiterou ao Goberno central a súa petición para que se modifique a Lei de asistencia xurídica co fin de ofrecer ás vítimas de violencia sexual un acceso libre a este servizo desde o momento en que se efectúa a denuncia. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e os directores xerais de Loita contra a Violencia de Xénero e Promoción da Igualdade, Roberto Barba e María Quintiana, participaron esta mañá na Conferencia Sectorial do Ministerio de Igualdade.

Neste encontro, Galicia solicitoulle á ministra de Igualdade, Ana Redondo, unha data para a execución da reforma da Lei de asistencia xurídica, para facilitar ás vítimas de violencia sexual o acceso a este servizo gratuíto desde o momento da denuncia. Ademais, lembraron que esta modificación leva paralizada case dous anos, pese a que na Lei 10/22 de garantía integral da liberdade sexual se esixía ao goberno central a obriga de efectuar os cambios no prazo dun ano.

Ademais, desde o Executivo galego salientouse que a normativa galega xa recoñece a todas as vítimas de violencia sexual como vítimas de violencia de xénero, dándolle así dereito a todas as prestacións e servizos necesarios para facer fronte a súa situación. Así, fíxose fincapé en que é preciso que a lei estatal siga esta liña para garantir a mellor protección e evitar a revitimización.

Nesta liña, a Xunta subliñou que a loita contra as violencias machistas é unha das súas prioridades principais, por iso desde a Consellería de Política Social e Igualdade se está traballando na elaboración dunha Lei de violencia dixital, para poder combater o machismo desde todos os ámbitos sociais, poñendo especial atención na mocidade e centrándose na axuda e protección ás vítimas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2024