A Xunta licita por máis de 5 millóns de euros o subministro de ecógrafos para servizos do Hospital Novo Montecelo de Pontevedra

Prevese a adquisición dun total de 66 ecógrafos para as diferentes especialidades médicas, así como equipos para a realización de ecoendoscopias dixestivas e ecobroncoscopias

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen até o 25 de xaneiro para remitir as súas ofertas

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024

O Portal de contratos de Galicia publica no día de hoxe a licitación, por parte do Servizo Galego de Saúde, do contrato de subministro de 66 ecógrafos con destino aos diferentes servizos do Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra. O Executivo galego destinará un investimento de 5.023.315 euros á compra deste equipamento.

Distribuído en 13 lotes, o expediente inclúe a dotación de ecógrafos para a meirande parte dos servizos médicos do hospital de referencia da cidade de Pontevedra.

Os equipos terán como destino os servizos de xinecoloxía e obstetricia, uroloxía, cardioloxía, radiodiagnóstico, aparato dixestivo, pediatría, traumatoloxía, anestesioloxía, UCI, reumatoloxía, urxencias, rehabilitación, pneumoloxía, medicina interna, nefroloxía, coidados paliativos, otorrinolaringoloxía e neuroloxía.

Ademais, tamén se adquire equipamento para a realización de ecoendoscopias dixestivas e ecobroncoscopias.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen até o vindeiro 25 de xaneiro para remitir as súas ofertas.

A ecografía é un procedemento de diagnóstico por imaxe que permite ver órganos e estruturas brandas dentro do corpo. Mediante este procedemento pódese visualizar calquera parte do corpo identificando con claridade a forma e tamaño de cada estrutura do seu interior.

Por outra banda, este equipos ofrecen a posibilidade de estudar os distintos tecidos do corpo, como é o caso do fluxo sanguíneo de arterias e veas para detectar arteriosclerose e coágulos; analizar a glándula tiroides e outras estruturas brandas do pescozo; de tendóns, ligamentos, músculos e estruturas das articulacións; das glándulas mamarias ou para o estudo pelviano.

Ademais, actualmente as ecografías pódense combinar con outros procedementos como punción con agullas para biopsia, endoscopios ou outros equipamentos dando lugar a imaxes de fusión.

Data de actualización: 17/12/2024