O programa ‘Xuventude Mentoring’ acada un novo récord de solicitudes para participar nesta edición
A directora xeral de Xuventude salienta o compromiso da Xunta con iniciativas que potencien espazos de interacción e formación para a mocidade
Lara Meneses participa no Encontro ‘Xuventude Mentoring’ na Eurorrexión no marco do proxecto Eurocidade 2030
A xornada conta con mesas redondas e conferencias nas que profesionais comparten as súas experiencias e testemuños
Chaves (Portugal), 17 de decembro de 2024
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, anunciou hoxe o éxito do programa Xuventude Mentoring que vén de superar o récord de solicitudes das prazas ofertadas nesta edición, “dando unha nova oportunidade de formación e facilitando a busca de emprego á mocidade”, apuntou. Fíxoo durante o Encontro Xuventude Mentoring na Eurorrexión, que se celebrou hoxe, en Chaves, coa participación de profesionais de España e Portugal.
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o compromiso da Xunta de Galicia no impulso de programas que potencien espazos de interacción e formación para a mocidade. Ademais, puxo en valor a necesidade de promover este tipo de actividades de orientación e traballo en equipo, co obxectivo de axudar e asesorar á xente nova de cara a determinar o seu futuro no eido laboral, no emprendemento ou na cooperación transfronteiriza.
Tal e como explicou a directora xeral de Xuventude, o encontro, ao que asistiron persoas de ambas rexións, inclue mesas redondas e conferencias nas que os profesionais que participaron no programa Xuventude Mentoring compartiron as súas experiencias formando parte da iniciativa, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento persoal dos asistentes.
Neste senso, Lara Meneses agradeceu a colaboración de todos eles porque “os vosos testemuños serven de exemplo para ver que proxectos como este funcionan, xa que seguen brindando multitude de oportunidades e impulsando a aprendizaxe da mocidade, así como a inserción de xente nova nas empresas colaboradoras”.
Nesta liña, lembrou que o Goberno galego ten en marcha o programa Xuventude Mentoring, a través dun convenio de colaboración co Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria —axente integrador das tres universidades públicas galegas— ao que a Xunta destina case un millón de euros para o período 2024-2025. Desde que botou a andar, no ano 2021, un total de 750 mozos e mozas levan participado nesta iniciativa que lles posibilita traballar con mentores que lles asesoran de xeito continuo, á vez que realizar actividade formativas, asistir a eventos e visitar empresas.