Aberto o prazo de inscrición para obradoiros de oficios artesanais en Ribadavia no marco do proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas
Trátase de tres cursos de formación en técnicas de gancho impartidos por Lola García, do obradoiro Logaro (Ourense), que se desenvolverán na Casa Artesanía de Galicia os días 17 e 18 de outubro
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Fundación Artesanía de Galicia, convocou tres obradoiros centrados no traballo co gancho e impartidos por Lola García, de Logaro (Ourense), que se celebrarán no primeiro andar da Casa da Artesanía de Galicia. Para poder participar nestas actividades é preciso inscribirse na web da Fundación Artesanía de Galicia e teñen un custo de 20€. Deste xeito, retómase a programación de obradoiros de oficios artesanais en Ribadavia no marco do proxecto autonómico de dinamización comercial Vilas vivas.
O sábado 17 de outubro celebraranse as dúas quendas do obradoiro Flores de mohair, no que se aprenderá a construír flores con volume e personalidade propia a partir dunha fibra delicada e envolvente como é o mohair. A quenda de mañá terá lugar en horario de 11,00 a 14,00 e a de tarde de 17,00 a 20,00h. O domingo 18, a mesma docente encargarase de impartir o obradoiro Bolas de Nadal ao gancho, destinado á creación destes adornos de Nadal tecidos á man, que permitirán elaborar decoracións únicas e sustentables. Este curso só terá lugar en horario de mañá.
Vilas Vivas ten como fin converter espazos en desuso en negocios abertos que sexan rendibles e xeradores de emprego. Entre os locais acondicionados en Ribadavia atópase a Casa da Artesanía de Galicia, un espazo permanente de comercialización, de promoción e de divulgación do produto e dos oficios artesanais galegos, no que se están a realizar obradoiros abertos e cursos de formación dende o Nadal pasado, co obxectivo de contribuír á dinamización desta vila ourensá.
Na planta baixa deste edificio está aberto un espazo de venda directa de produtos da marca Artesanía de Galicia no que se comercializan pezas de cerámica, de xoiería e bixutería, de xoguetes, de tecido, de coiro, de complementos de moda e de figuras tradicionais de miga de pan. A tenda está aberta de xoves a sábado en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, e os domingos de 11,00 a 15,00 horas. Desde o pasado mes de marzo, no segundo andar deste edificio atópase o obradoiro artesanal de Xosé Catoira, especializado na construción de violíns e de violonchelos.