A Xunta leva o mellor sabor das rías galegas ao Milladoiro coa campaña de GALICIA SABE AMAR
A delegada da Xunta, Belén do Campo visitou a foodtruck da campaña
Ames (A Coruña), 18 de decembro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe a foodtruck da campaña GALICIA SABE AMAR que se achegou a Milladoiro en Ames onde enxalzou os produtos das rías galegas e instou a que sexan parte dunha dieta saudable e equilibrada que elevará a calidade de vida dos seus consumidores. A delegada da Xunta sinalou que esta iniciativa reforza o apoio do Goberno galego á promoción dos produtos pesqueiros galegos, tamén nos municipios de interior da comunidade.
Ames é así outro dos municipios nos que estará presente unha das catro furgonetas que están a percorrer o territorio galego para promocionar a dieta atlántica. No marco desta iniciativa elaboráronse un total de 13 receitas nas que o principal ingrediente é o produto local, dende o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou o berberecho de Noia. En definitiva, os peixes e mariscos amparados polo selo de calidade pescadeRías.
Esta acción, cuxa primeira edición tivo lugar no 2021, percorre os núcleos de máis de 1.000 habitantes e está presente en eventos deportivos, culturais, festas gastronómicas ou centros de ensino, ata outubro do 2025, realizando un total de 1.400 degustacións. O obxectivo é chegar tanto a maiores como á mocidade, na súa calidade de consumidores do mañá, promocionando as propiedades gastronómicas dos alimentos mariños e inculcando hábitos alimenticios saudables.
Deste xeito, a iniciativa continúa renovándose co compromiso de por en valor a importancia socioeconómica do sector, a través da xestión sostible dos recursos e de garantir a trazabilidade e a seguridade alimentaria. A representante do Goberno autonómico resaltou que o peixe, marisco e conservas son unhas fontes excepcionais de proteína cun importante impacto positivo na saúde da cidadanía. Ademais, recordou o peso da cadea mar-industria na economía de Galicia na que traballan ao redor de 50.000 persoas da comunidade e que representa en torno ao 5% do PIB autonómico.