Cetmar pecha o ano con 52 proxectos e servizos en marcha e cun orzamento para 2025 que supera os 4,5 millóns de euros

O conselleiro do Mar presidiu hoxe unha reunión ordinaria do Padroado da Fundación na que se aprobou o plan de actuación e o orzamento do centro para 2025 

O Centro Tecnolóxico do Mar pecha un exercicio no que traballou en máis de sesenta accións relacionadas coa gobernanza mariña, a xestión de recursos a observación mariña, a formación ou a cooperación internacional, entre outros ámbitos

Vigo, 18 de decembro de 2024

O Padroado do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar reuniuse esta mañá na sede da institución en Vigo nun encontro presidido polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, como vicepresidente do mesmo, e no que a súa directora-xerente, Rosa Chapela, fixo balance do exercicio 2024 e presentou o plan de actuación e o presuposto para 2025, que supera os 4,5 millóns de euros.

A institución dependente da Consellería do Mar traballa na actualidade en 52 proxectos e servizos, a maioría de ámbito internacional, relacionados coa gobernanza mariña, a loita contra a contaminación no mar, a xestión dos recursos mariños, a formación, a cooperación internacional ou a observación mariña e a promoción e transferencia de tecnoloxía, entre outros campos de actividade.

A directora do Cetmar deu conta aos membros do Padroado das accións levadas a cabo no exercicio 2024, cando os técnicos da institución galega estiveron involucrados nun total de 62 proxectos e servizos que na súa maioría continuarán ao longo do ano 2025. Ademais de dar continuidade a estes traballos, a fundación galega está pendente da resolución de oito novas propostas presentadas a diferentes convocatorias nos últimos meses.

O Cetmar mantén a súa liña de traballo en torno á loita contra a contaminación mariña en proxectos como Free-Litter AT, centrado na prevención, monitorización e redución do lixo mariño, ou BlueWWater, para o tratamento, control e redución de microplásticos e contaminantes emerxentes.

No ámbito da gobernanza mariña, Cetmar traballa en diferentes proxectos e servizos relacionados coa ordenación espacial mariña -Remap-MSP, POEM- e en diferentes tarefas de apoio aos Grupos de Coordinación Rexional (RCGs) por encargo da Comisión Europea, así como aos GALP, nun servizo da Consellería do Mar.

A maioría dos proxectos e servizos relacionados coa xestión de recursos mariños nos que o centro traballou neste ano proseguirán no 2025, como é o caso de Transformar, que busca solucións para a adaptación ao cambio climático, no caso de Galicia, nos sectores do mexillón e do marisqueo a pe, ou Apromex, no que apoia ao CIMA no análise das poboacións de semente de mexillón.

Tamén neste ámbito, o Cetmar desenvolve xunto a dous grandes consorcios europeos proxectos para minimizar e eliminar a captura accidental de especies prioritarias en perigo de extinción, ameazadas e protexidas (LIFE Cibbrina) e reducir as capturas incidentais de megafauna mariña -aves, tartarugas, eslamobranquios e cetáceos-.

O Centro Tecnolóxico do Mar proseguirá no 2025 cos diferentes traballos relacionados co mantemento da rede de observación do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, así como coa análise de datos a través da súa implicación na Rede Europea de Observación e Datos Mariños (Emodnet), no Observatorio Europeo para os Produtos da Pesca e Acuicultura (Eumofa) ou no Observatorio Europeo da Economía Azul.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/12/2024