A Xunta toma medidas para garantir o cumprimento das condicións do contrato no transporte interurbano de Pontevedra
O control feito polo Goberno galego detectou a utilización de vehículos non autorizados por parte da concesionaria que cubre a Liña 4, que conecta a cidade coa parroquia de Cerponzóns
Segundo afirmou a directora xeral de Mobilidade nunha reposta parlamentaria, incoáronse os expedientes sancionadores e as penalidades contractuais que corresponden
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, compareceu hoxe no Parlamento para informar das medidas adoptadas para garantir o cumprimento do contrato no transporte interurbano de Pontevedra tras detectar o uso de vehículos non autorizados por parte da concesionaria que cubre a Liña 4, que conecta a cidade coa parroquia de Cerponzóns. Na súa intervención, Judit Fontela incidiu no compromiso da Xunta para ofrecer o mellor servizo á cidadanía e esixir o cumprimento rigoroso de todas as condicións que garanten esa calidade.
Así, afirmou que se incoaron os expedientes sancionadores e de penalidades contractuais que correspondan polo uso de vehículos non autorizados. Segundo sinalou, ante as incidencias que se detectan no transporte público, “o Goberno galego actúa para corrixir os desaxustes se é necesario ou para asegurar a correcta prestación do servizo”. “A Xunta cumpre e fai cumprir”, engadiu.
Judit Fontela destacou o esforzo do Goberno galego a través do Plan de transporte público de Galicia para ofrecer “un servizo eficaz e de calidade ás persoas usuarias, vivan onde vivan”. Nesta liña, referiuse á ampla rede de servizos que conecta a comunidade, ás bonificacións autonómicas, cuxa vixencia está garantida en 2025, á constante modernización da flota e ao eficaz sistema de control e seguimento dos servizos prestados.
Segundo apuntou, no caso de Cerponzóns este esforzo tradúcese en 52 servizos de autobús ao día que lle permiten á veciñanza desprazarse á cidade ao longo de toda a xornada entre as 6,15 e as 21,15 horas. A cifra de persoas usuarias ao mes sitúase arredor do milleiro.