A conselleira de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, anunciou a nova actuación na súa visita ao concello da Guarda

A Xunta habilitará unha senda que rodeará o monte Santa Tegra cun investimento de 1,6 M€

O itinerario circunvalará o monte de Santa Tegra aproveitando a traza da estrada autonómica PO-352, conectando A Guarda con Camposancos e a zona de praias, así como a zona deportiva da Sangriña, garantindo sempre a seguridade dos peóns

A nova senda enmárcase na nova fase do Plan de Sendas que promove o Goberno autonómico dentro da súa Estratexia de Mobilidade, e que foi aprobada esta semana no Consello da Xunta

Prevese someter a información pública o proxecto no primeiro trimestre do 2025

As obras cofinanciaranse con fondos FEDER 2021/2027

A Guarda (Pontevedra), 19 de decembro de 2024

A Xunta investirá 1,6M€ na senda peonil que rodeará o Monte Santa Tegra da Guarda, e que se enmarca na nova fase do Plan de Sendas que promove o Goberno autonómico dentro da súa Estratexia de Mobilidade. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, anunciou hoxe esta nova actuación, cuxo proxecto se prevé someter a información pública no primeiro trimestre do 2025.

M. Allegue subliñou que a futura senda, que discorrerá aproveitando o trazado da estrada autonómica PO-352 nun treito de 3km, “porá aínda máis en valor esta contorna única, que garda a pegada da nosa historia” e é un dos maiores atractivos turísticos do concello. O itinerario circunvalará o monte de Santa Tegra, conectando así A Guarda con Camposancos e a zona de praias, así como a zona deportiva da Sangriña, garantindo sempre a seguridade dos peóns.

Destacou que a Xunta leva xa case 300km de sendas peonís e ciclistas nos últimos anos a través da primeira fase do Plan, que vén de ser galardoado nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria 2024. A segunda fase, aprobada polo Consello da Xunta o pasado luns, prevé estender as sendas peonís e ciclistas noutros 120km ata o ano 2027, cun investimento de case 70M€.

Con esta fase culminaranse as sendas en marcha en varias comarcas e incorporaranse as identificadas como máis prioritarias en 7 novas comarcas: esta de Baixo Miño na que nos atopamos, Barbanza, Condado, Deza, Lemos, Noia e Sarria. As obras cofinanciaranse con fondos FEDER 2021/2027.

“Son itinerarios -destacou a conselleira- que melloran a seguridade para os usuarios máis vulnerables, peóns, e ciclistas. Pero ademais, con estas actuacións gañamos espazos agradables para que a xente poida desprazarse, facer exercicio e ao mesmo tempo desfrutar de contornas naturais. É un símbolo máis do noso compromiso co medio ambiente e a promoción dun estilo de vida activo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2024