A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou no Pleno da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña
Lorenzana subliña que as empresas son un aliado para o desenvolvemento económico e avoga pola colaboración público-privada como piar da política industrial de Galicia
Sinala que este é o único camiño posible “porque sen empresas e sen industria non hai futuro”
Froito desta colaboración, pon en valor os logros xa acadados como a axilidade, a desburocratización ou a aceleración do solo industrial
Destaca que a Xunta vai continuar polo camiño de converter Galicia no destino de novos proxectos empresariais e insiste no compromiso do Goberno galego co desenvolvemento económico e sustentable da Comunidade
A Coruña, 19 de decembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a Xunta “ve nas empresas un aliado para o desenvolvemento económico de Galicia” e avogou pola colaboración público-privada como piar da política económica e industrial da Comunidade.
Lorenzana participou no Pleno da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña, onde destacou que “este é o único camiño posible, porque sen empresas e sen industria, non hai futuro”, dixo.
Neste marco, explicou que froito dese traballo conxunto “puidemos poñer en marcha unha política industrial e enerxética” que facilita a axilidade e a desburocratización -a Oficina Económica de Galicia xa atendeu máis de 13.500 consultas de empresas desde abril-; a aceleración do solo industrial para estimular novos proxectos a través de medidas como o solo gratuíto ou a creación de novas figuras de aceleración que permitirán crear minipolígonos en menos tempo onde haxa demanda real; o abaratamento da enerxía para que as empresas teñan acceso a un prezo eléctrico máis competitivo e poidan rebaixar os custos enerxéticos; ou o liderado en sustentabilidade e enerxías renovables.
Durante a súa intervención, a titular de Economía e Industria, puxo en valor algúns dos fitos acadados no 2024 grazas tamén á colaboración entre o tecido produtivo e a Administración Pública. Así, destacou o fortalecemento do tecido empresarial, pois “somos a 2ª comunidade na que máis sobe a confianza empresarial cun 1,7 %”; a expansión da economía galega; unha maior produtividade e eficiencia; a dinamización exportadora pois “exportacións galegas superaron pro primeira vez no 2023 os 30.000 millóns de euros e esta ano imos polo mesmo camiño”, dixo; unha maior produción industrial; máis emprego e de máis calidade; e unha maior innovación “o que nos permite seguir impulsando a competitividade e transformar os desafíos en oportunidades”, sinalou.
Obxectivos de futuro
De cara ao futuro, María Jesús Lorenzana, subliñou que “imos polo bo camiño, polo camiño de converter Galicia no destino de novos proxectos empresariais” e insistiu no compromiso da Xunta co desenvolvemento económico e sustentable de Galicia.
Nesta liña, subliñou que o Goberno galego seguirá impulsando a industria de alto valor engadido e apostando por sectores estratéxicos “para que Galicia sexa un referente de innovación e calidade”; fomentando o crecemento da economía verde e circular pois “Galicia debe ser líder en enerxías renovables”; incrementando a autonomía enerxética da Comunidade e o binomio enerxía-industria xa que “podemos liderar a transición enerxética en España e ser un referente en enerxía verde”, subliñou; apostando pola formación e o talento; consolidando a internacionalización e “facilitando a implantación rápida e sinxela das empresas e de novos proxectos”, apuntou.
Finalmente, agradeceu a invitación da Cámara de Comercio para formar parte do último pleno do ano que segundo explicou debe servir para “reflexionar sobre as metas acadadas, recoñecer os esforzos colectivos e renovar o noso compromiso co futuro”.