A conselleira de Política Social e Igualdade visitou esta mañá o punto de atención especializada aberto no Hospital Novoa Santos en Ferrol
Fabiola García subliña que “Galicia fai os deberes” e abre en prazo os centros de crise para vítimas de violencia sexual, que xa están plenamente operativos
Destaca o esforzo da Xunta para conseguir poñelos en marcha antes da data establecida “pese aos atrancos cos que nos atopamos todas as comunidades” e que obrigan ao Ministerio de Igualdade a ampliar o prazo ata xuño de 2025
Os cinco puntos de atención especializada ofrecen asistencia presencial as 24 horas do día e son atendidos por un completo equipo profesional de carácter multidisciplinar
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe o centro de crise para vítimas de violencia sexual do Hospital Novoa Santos de Ferrol, que abriu onte as súas portas. Este é un dos cinco puntos de atención especializada cos que xa conta Galicia, que están plenamente operativos e que prestan atención presencial e telefónica as 24 horas do día.
Na visita, a conselleira estivo acompañada polo director xeral contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba; pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; pola subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas e polo alcalde da cidade, José Manuel Rey. Tras o percorrido polas instalacións, Fabiola García fixo fincapé en que “unha vez máis, Galicia cumpre e fai os deberes” ao conseguir poñer en marcha os centros de crise dentro do prazo establecido, “pese aos atrancos cos que nos atopamos todas as comunidades” e que o propio Ministerio de Igualdade recoñeceu esta mesma semana.
De feito, ante estes inconvenientes, o vindeiro luns 23 de decembro está convocada unha conferencia sectorial extraordinaria de Igualdade, na que o Goberno central xa avanzou que ampliará o prazo de apertura ata xuño de 2025 para que todas as comunidades poidan cumprir este fito marcado pola Unión Europea.
Fabiola García lembrou que a Xunta de Galicia inviste 11M€ en poñer en marcha e garantir o funcionamento destes cinco centros, un máis dos que esixe Europa, e para poder ofrecer atención psicolóxica, xurídica e social ás vítimas de violencia sexual as 24 horas do día e todos os días do ano. Neste sentido, subliñou que os puntos de atención especializada dispoñen dun completo equipo profesional de carácter multidisciplinar, que integra persoal administrativo, traballadores sociais, psicólogos e xurídicos e que permite ofrecer atención integral nun mesmo recurso.
Esta asistencia está destinada a mulleres maiores de 15 anos vítimas e sobrevivintes de violencia sexual, tanto se se produciu de xeito recente, como se foi no pasado. Ademais, cómpre destacar que para obter esta atención especializada non é necesario interpoñer unha denuncia.
Máis recursos públicos contra a violencia
Ademais do centro de Ferrol, que é o segundo máis grande de Galicia, a provincia da Coruña conta con outro no Hospital Gil Casares de Santiago. O da provincia de Pontevedra está no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. En Ourense, está situado no PAC da rúa do Concello, e en Lugo, no Hospital Universitario Lucus Augusti. Todos eles están situados ao carón de servizos hospitalarios de urxencia, para facilitar a rápida asistencia e evitando a revitimización.
Con este novo servizo, Galicia dótase dunha ferramenta máis para facer fronte á violencia contra as mulleres e para ofrecer ás vítimas a atención psicolóxica, xurídica e social que merecen. Unha atención que se suma á que ofrecen os máis de 80 Centros de Información á Muller (CIM) para dar servizo a 200 concellos, e diversas entidades sociais, a través de convenios co Goberno galego.