O presidente de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

Portos de Galicia reafirma o seu compromiso coa mellora da seguridade en Malpica e consigna 250.000 € a novos estudios para definir a solución técnica

José Antonio Álvarez deu conta dos resultados dos traballos realizados para valorar a nova alternativa solicitada pola confraría, cuxos resultados non son concluíntes polo que se fai necesario maior coñecemento

 

O orzamentos da Xunta de Galicia prevén unha partida plurianual de 5 millóns para o reforzo da operatividade da dársena e outra de 1,2 para dotar de departamentos ao profesionais malpicáns 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación as actuacións previstas para a mellora da seguridade no porto de Malpica ante os problemas de axitación no interior da dársena. Ao respecto, asegurou que a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso con este proxecto como evidencia a consignación de 250.000 euros nos orzamentos do ente público para 2025 con obxectivo de definir con maior precisión a solución técnica axeitada. 

O presidente de Portos reiterou que o principal problema no porto de Malpica é a onda longa, un fenómeno pouco estudiado anteriormente e que non se tiña en conta no deseño das infraestruturas portuarias, que se amplifica dentro do porto de Malpica xerando fortes correntes, especialmente na zona das comportas, causando unhas condicións de exposición extrema. Neste marco, Álvarez Vidal deu conta dos últimos traballos realizados para valorar unha nova alternativa solicitada pola confraría de pescadores na última reunión técnica. 

Os resultados destes estudios revelaron a posibilidade de pequenos empeoramentos de correntes en zonas  puntuais. Porén, a baixa magnitude destes valores resultantes poderían ser compatibles coa operatividade do porto polo que resulta necesaria a realización de novos estudos, á fin de coñecer co maior rigor técnico  posible as solucións adecuadas.

Así mesmo, na súa intervención, o presidente de Portos lembrou que os orzamentos da Xunta de Galicia prevén un investimento plurianual de 5 millóns de euros para esta actuación, así como outra partida de 1,2 millóns, dos que 100.000 euros son consignados para 2025, para á reparación dos departamentos de exportadores no porto de Malpica. Ademais, reseñou, destinaranse a este porto 200.000 euros da partida xenérica de renovación de luminarias e substitución por tecnoloxía LED e 51.000 euros para a reposición de firmes e pavimentos.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 20/12/2024