O presidente da Xunta visitou o Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais

Rueda destaca a Galicia como un referente na loita contra os lumes ao contar “cun dos mellores dispositivos de toda Europa"

A Xunta aposta por seguir mellorando o servizo ao incrementar un 26% as partidas para prevención e extinción no 2025 ata chegar aos 89,5 M€

O Goberno autonómico reforzou este ano a rede de videovixilancia que xa chega ao 85% do territorio galego

O centro compostelá conta con alta tecnoloxía para poder facer un seguimento en tempo real dos incendios forestais

Salienta que é fundamental “concienciar” sobre a prevención e da necesidade de “ter os montes limpos” 

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a Galicia coma un referente na loita contra os lumes e salientou o compromiso do Executivo autonómico con seguir mellorando o servizo ao incrementar un 26% as partidas para prevención e extinción de incendios forestais no 2025 ata chegar aos 89,5 M€. “Queremos seguir contando co mellor dispositivo contra incendios de España e de Europa”, salientou.

Durante unha visita ao Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o presidente agradeceu o labor das 7.000 persoas que forman parte cada campaña do operativo galego de loita contra o lume e salientou a importancia de traballar na prevención. “É fundamental concienciar a todo o mundo da necesidade de que o monte estea limpo”, indicou. 

O Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais, situado en Santiago, súmase aos catro centros de coordinación provinciais e aos 19 de coordinación de distrito. O espazo está dotado da última tecnoloxía coma un videowall que permite visualizar as imaxes que ofrecen as cámaras da rede de videovixilancia e facer un seguimento en tempo real da evolución dos incendios. 

A Xunta incrementou este ano o número de cámaras da rede de videovixilancia, incorporando 24 novos dispositivos en doce localizacións, o que fai que poda controlarse o 85% do territorio galego. 

O obxectivo da Xunta é seguir reforzando o dispositivo autonómico fronte aos lumes ao que cada ano se destinan 200 millóns de euros. En concreto, a Xunta incrementará no 2025 a partida en infraestruturas para a prevención -que pasará dos 46 millóns de euros a 50,5- e tamén o orzamento para extinción ata chegar aos 39 millóns, catro máis que neste exercicio.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/12/2024