A Xunta destaca a casa niño de Pedrafita do Cebreiro como o primeiro recurso gratuíto de atención á infancia deste concello
En Galicia hai máis de 100 casas niño en funcionamento que dan servizo aos concellos máis rurais
Pedrafita do Cebreiro (Lugo), 26 de decembro de 2024
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou a casa niño do concello de Pedrafita do Cebreiro e que abriu as súas portas este ano, converténdose no primeiro recurso gratuíto de atención á infancia deste municipio.
En Galicia hai máis de 100 casas niño en funcionamento e que ofrecen un servizo público de atención á infancia nas zonas máis rurais onde non hai posibilidade de abrir outro tipo de recursos. O obxectivo destas iniciativas é fomentar a conciliación social e laboral das familias nos concellos con menos poboación.
Jacobo Rey destacou que desde a súa posta en marcha no 2016 as casas niño contaron con moi boa acollida nas zonas rurais. Neste senso, destacou a importancia de que grazas á iniciativa de Nerea Santín, a promotora, Pedrafita do Cebreiro conta por primeira vez cun recurso destinado á atención e coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos.
O Obxectivo da Xunta é que todas as familias de Galicia teñan na súa contorna un servizo gratuíto para o coidado da infancia. Deste xeito, ademais das casas niño impulsadas nas zonas rurais, Galicia conta coa gratuidade das escolas infantís, sexan públicas, privadas ou de iniciativa social. Esta medida pioneira beneficia máis de 30.000 familias e permítelles ter un aforro de ata 3.000 euros ao ano.