A Xunta destina máis de 358.000 euros a apoiar a conciliación e fomentar a corresponsabilidade en trece municipios de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos nenos e nenas que participan nos dous programas desenvoltos polo Concello de Narón na Ludoteca Municipal e no CEIP A Solaina

Os concellos de Cabanas, A Capela, Cariño, Mugardos, Ortigueira, As Pontes, Cerdido, Mañón, Moeche, Pontedeume, San Sadurniño e Valdoviño tamén resultaron beneficiarios este ano do Plan Corresponsables no ámbito local da Consellería de Política Social e Igualdade

Narón (A Coruña), 30 de xullo de 2026

A Xunta destina este ano máis de 358.000 euros en axudas a entidades locais para apoiar a conciliación e fomentar a corresponsablidade en trece concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así o deu a coñecer a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita realizada hoxe aos participantes dos dous programas que o Concello de Narón desenvolve co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade a través do Plan Corresponsables, cofinanciado co Ministerio de Igualdade do Goberno de España.

Cunha achega de 55.000 euros, o municipio conta con dous programas para axudar á conciliación das familias a través de campamentos estivais. Un deles realízase na Ludoteca Municipal mentres que o outro, baixo o nome de ‘Concilia Escola’, ten lugar no CEIP A Solaina. Este último está enfocado en fomentar a conciencia ecolóxica, para o que os participantes realizan actividades educativas relacionadas coa reciclaxe, o respecto pola natureza e a sustentabilidade ambiental.

 “Dende a Xunta cremos que a conciliación é o camiño para a consecución da igualdade real entre homes e mulleres, por iso apoiamos aos Concellos financiando programas municipais coma este coa fin de facilitar que calquera persoa traballadora poida compatibilizar o coidado da familia cun uso equilibrado dos seus tempos”, sinalou a delegada territorial.

Xunto ao Concello de Narón, tamén resultaron beneficiarios desta orde de axudas da Xunta a través do Plan Corresponsables no ámbito local, os programas de conciliación promovidos polos concellos de A Capela, Cabanas, Cariño, Mugardos, Ortigueira, As Pontes, Cerdido, Mañón, Moeche, Pontedeume, San Sadurniño e Valdoviño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026